O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA A “GRAVE” SITUACIÓN DO HOSPITAL COMARCAL DE VALDEORRAS POR MOR DA FALTA DE ESPECIALISTAS E FACULTATIVOS, TRAS ANOS DE DESLEIXO E DESMANTELAMENTO POR PARTE DOS GOBERNOS DO PP NA XUNTA
As e os socialistas levarán a situación sanitaria na comarca ao Parlamento de Galicia para instar á Xunta a cubrir as prazas vacantes e garantir a asistencia sanitaria en tódalas especialidades que ten asignadas o hospital de Valdeorras
Carmen R. Dacosta sinala que Valdeorras “é o exemplo palmario da falla de planificación e do desleixo da Xunta de Galicia en materia sanitaria, debido a máis de 10 anos de desmantelamento continuado”
Puxo o foco na situación “terrible” das listas de agarda, pondo de manifesto que “temos 3.068 persoas esperando unha consulta, cun tempo medio de espera de 112,9 días, que supera a media de Galicia, que está en 60,8 días e a de Ourense, que se sitúa en 86,2 días”
O Barco de Valdeorras, 2 de abril de 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a “grave” situación que se vive no hospital comarcal de Valdeorras, por mor da falta de especialistas e facultativos, tras anos de “desmantelamento” e “falla de planificación” por parte dos gobernos autonómicos do Partido Popular. As e os socialistas levarán a situación sanitaria na comarca ao Parlamento de Galicia para instar á Xunta a cubrir as prazas vacantes e garantir a asistencia sanitaria en tódalas especialidades que ten asignadas o hospital de Valdeorras.
As e os socialistas ofreceron unha comparecencia aos medios de comunicación no día de hoxe, na que estiveron presentes a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; o deputado provincial, Aurentino Alonso, o concelleiro de sanidade do Barco, Orlando Saavedra; o alcalde do Barco, Alfredo García; e outros cargos do partido na comarca, acompañados polo xefe da xunta de persoal, Víctor Pariente. Dende o PSdeG-PSOE aproveitaron para animar a cidadanía a participar na mobilización do vindeiro domingo en Santiago, en defensa dunha sanidade digna.




A deputada no Parlamento de Galicia pola provincia de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, comezou a súa intervención sinalando que o hospital comarcal de Valdeorras “é o exemplo palmario da falla de planificación e do desleixo da Xunta de Galicia en materia sanitaria, debido a máis de 10 anos de desmantelamento continuado”. A parlamentaria autonómica puxo o foco na situación “terrible” das listas de agarda, pondo de manifesto que “temos 3.068 persoas esperando unha consulta, cun tempo medio de espera de 112,9 días, que supera con moito a media de Galicia, que está en 60,8 días e mesmo a de Ourense, que se sitúa en 86,2 días”. Situación que é similar nas listas de agarda para probas diagnósticas “onde 1.539 persoas seguen agardando cita”.
Rodríguez Dacosta subliñou tamén que esta “terrible” situación afecta a 13 concellos aos que da servizo o hospital comarcal e a preto de 30.000 veciños e veciñas das comarcas de Valdeorras, Trives e Viana. Unhas carencias, que segundo a deputada autonómica socialista “afecta tamén a medicina interna, onde só hai 4 facultativos dos 10 que debería haber traballando nestes momentos, algo que tamén se extrapola a outras especialidades nas que hai un especialista e nalgún caso ningún, obrigando aos pacientes a desprazarse a Ourense”.
Carmen R. Dacosta tamén aproveitou a súa intervención para sinalar que nunha comarca moi envellecida, e que conta con 17 residencias de xeriatría, “é imprescindible contar cun xeriatra”. Unha petición que se suma a do neumólogo, xa que segundo apunta “é necesario para atender diferentes patoloxías, entre elas a silicose”. Por último afirmou que Valdeorras “é o paradigma do desleixo da Xunta e do Partido Popular na sanidade pública”.
Pola súa banda, o concelleiro de sanidade do Barco de Valdeorras e médico de profesión, Orlando Saavedra, denunciou que a Xunta, o Sergas e a xerencia de área “non teñen empatía coas necesidades da poboación” e puxo de manifesto que “non hai proxecto para o territorio, xa que o único proxecto que teñen é ignorar a cidadanía e as asociacións”. Neste senso, tamén sinalou que “só nos atopamos con respostas incoherentes que non xustifican e crean pánico, como as do xerente de área que afirmou que o TAC do hospital comarcal non ten suficiente calidade para probas de neumolóxicas ou se silicose, algo que é un irresponsabilidade total”.
O deputado do grupo provincial socialista na Deputación, Aurentino Alonso, puxo o foco nas prazas MIR, lembrando que da man do PP entre 2011 e 2017 “reducíronse máis de 6.000 prazas das que deberán terse sacado, por mor de recortes bestiais”. Neste senso tamén lembrou que as e os MIR “tardan entre 5 ou 6 anos dende que se forman e comezan a exercer, polo que agora non se pode resolver a situación, tendo en conta tamén a irresponsabilidade da Xunta, que non propón, nin reclama máis prazas”.
O xefe da xunta de persoal do hospital comarcal de Valdeorras, Víctor Pariente, destacou que “un dos piares fundamentais da atención sanitaria, que é a atención primaria está descoidada por completo, tanto nos casos dos pediatras como dos médicos de familia”. Pariente relatou tamén que no caso das especialidades “non contamos cun experto en rehabilitación, en oftalmoloxía só temos un especialista, ao igual que en radioloxía, cando tiña que haber 4, situación que tamén afecta a traumatoloxía, o que dispara as listas de agarda”.
O PSdeG-PSOE esixe “solucións inmediatas” para que os pacientes deixen de ser derivados a Ourense, cos problemas que lles acarrea por mor dos longos desprazamentos e que se aposte por un hospital comarcal “digno, de calidade e cos especialistas que precisa”.

