AS E OS SOCIALISTAS RECLAMAN QUE SE DESBLOQUEE A PARÁLISE DA PRAZA DE ABASTOS NÚMERO 1 E LAMENTAN QUE NO BAILE DE CULPAS ENTRE PP E JÁCOME SEMPRE SAIA PERDENDO OURENSE
“Todas as partes implicadas teñen que chegar a un acordo urxente para a continuidade do proxecto máis importante que hai en marcha na cidade agora mesmo», destacou contundente a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González
“Nada disto pasaría se o PP puxera o mesmo empeño e compromiso con este proxecto agora que con dar outra alternativa ao que é o seu maior obstáculo: Gonzalo Pérez Jácome”, engadiu
Ourense, 2 de abril de 2025. A portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González, explicou trala Xunta de Voceiros que tivo lugar esta mañá para abordar a situación actual da Praza de Abastos número 1 que a disposición dos e das edís do PSdeG sempre foi «clara e firme». «Todas as partes implicadas teñen que chegar a un acordo urxente para a continuidade do proxecto máis importante que hai en marcha na cidade agora mesmo», destacou contundente ante unha nova parálise dun edificio emblemático que debería estar xa aberto e a pleno rendemento para uso e goce da cidadanía e do turismo.
“Non podemos permitirnos perder un minuto nin un euro máis con esta instalación pechada e o pulmón verde da Alameda ocupada, ademáis de levar por diante á Administración local e aos praceiros e praceiras cara unha batalla xudicial na que ninguén gaña e perde, coma sempre, Ourense”, engadiu.
Así mesmo, insistiu en que as e os socialistas continuarán tendendo a man fronte ao bloqueo e en que reclaman “unha solución urxente na que o PSOE vai estar coma sempre a dispor para axudar e atopar puntos de encontro a través do diálogo e o consenso entre as partes”. Mais todo elo sen obviar que “nada disto pasaría se o PP puxera o mesmo empeño e compromiso con este proxecto agora que con dar outra alternativa ao que é o seu maior obstáculo: Gonzalo Pérez Jácome”.

