ourense Parlamento de Galicia Sanidade

Insistiremos no Parlamento sobre o pésimo estado dalgunhas instalacións do CHUO

AS E OS SOCIALISTAS INSISTIRÁN NO PARLAMENTO NO PÉSIMO ESTADO DALGUNHAS INSTALACIÓNS DO CHUO E ESIXIRÁN QUE SE INFORME SOBRE A PARALIZACIÓN DA CONSTRUCIÓN DO NOVO EDIFICIO DE HOSPITALIZACIÓN

Hai uns días viamos como caía parte dun falso teito no hospital Materno-Infantil, algo que xa acontecera con anterioridade, e hoxe asistimos ao rebentón dunha tubaxe de auga quente no edificio do hospital Cristal”, enumera a voceira do grupo municipal socialista no Concello, Natalia González Benéitez

Seguiremos insistindo na Cámara autonómica cunha batería de iniciativas para que o goberno de Alfonso Rueda responda e se remate co caos sanitario na cidade e na provincia de Ourense”, sinala a deputada no Pazo do Hórreo Carmen Rodríguez Dacosta

Ourense, 9 de abril de 2025. O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) leva varias semanas sendo noticia polo mal estado no que se atopan as infraestruturas nas que se atende a pacientes e nas que debe exercer o seu labor o persoal sanitario. “Hai uns días viamos como caía parte dun falso teito no hospital Materno-Infantil, algo que xa acontecera con anterioridade, e hoxe asistimos ao rebentón dunha tubaxe de auga quente no edificio do hospital Cristal”, enumera a voceira do grupo municipal socialista no Concello, Natalia González Benéitez.

Esta mesma semana, o grupo do PSdeG no Parlamento trasladou ao hemiciclo autonómico o pésimo estado no que se atopa o edificio no que se atende a embarazadas, nenos e nenas e mesmo onde teñen lugar a meirande parte dos partos da provincia. A deputada Carmen Rodríguez Dacosta puxo o foco nas condicións nas que deben traballar os e as profesionais desta infraestrutura e reclamou que a Xunta de Galicia remita todos os informes técnicos sobre as causas da paralización do novo edificio de hospitalización, así como que se dea conta das actuacións para a reanudación da construción do mesmo, que actualmente se atopa paralizado.

“Non entendemos por que se detivo esta obra e queremos explicacións sobre os feitos tan graves que están a acontecer no CHUO. Polo que seguiremos insistindo na Cámara autonómica cunha batería de iniciativas para que o goberno de Alfonso Rueda responda e se remate co caos sanitario na cidade e na provincia de Ourense”, sinala contundente a deputada que hoxe advertiu da “neglixencia” do conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, e acusouno de ter mentido sobre a seguridade do Materno-Infantil.