AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE SOLICITAN A JÁCOME UNHA ÚLTIMA OPORTUNIDADE PARA CONTINUAR AS OBRAS DA PRAZA DE ABASTOS E EVITAR UNHA BATALLA LEGAL PREXUDICIAL PARA A CIDADE
A voceira do grupo municipal socialista, Natalia González, explica que «a veciñanza ten que saber que, se mantén a postura actual o alcalde e se inicia a xudicialización deste asunto, nin se liberará o espazo público da Alameda nin se reabrirá a Praza de Abastos núm. 1 en anos»
E destaca que poderían ser o os e as ourensás as que teñan que pagar, co diñeiro público, as «posibles compensacións económicas desta decisión política»
Ourense, 14 de abril do 2025. O pasado xoves o goberno municipal aprobaba en Xunta de Goberno Local o requirimento á mercantil Comerciantes Asociados do Mercado de Abastos nº1 de Ourense SL de adaptación do espazo interior para o traslado dos postos para o exercicio da actividade na Praza de Abastos núm.1 do Concello de Ourense.
Neste senso, lembran as e os edís do PSdeG na Administración local que se trata dun paso que se dá por parte do rexedor trala ruptura unilateral das negociacións para a aprobación dun plan funcional consensuado entre Concello, Xunta e praceiros que garantira a continuidade das obras neste inmoble e o financiamento autonómico para a mesma, que ascendía a case 1,5 millóns de euros en dous anos.
A tamén secretaria xeral do partido na cidade engade que «a loita por quen gaña o relato ou a guerra da verdade é unha irresponsabilidade de libro», máis cando está en xogo «o futuro de case 250 familias», o do «foco dinamizador do comercio de proximidade en Ourense» e, de novo, axudas públicas doutras administracións comprometidas.
Polos motivos expostos, as e os socialistas do Concello urxen altura de miras e sentido de cidade para acadar entre todos e todas abrir ao público en condicións a mellor Praza de Abastos de Galicia e unha das mellores de España, sen perder nin euro nin un minuto máis dos que xa se levan perdido na última década.

