O GRUPO SOCIALISTA RECLAMA RIGOR E SERIEDADE NO QUE RESPECTA AO ORZAMENTO PARA OURENSE EN 2025, LOGO DE SEIS ANOS SEN CONTAR A CIDADE CUN ACTUALIZADO, E TODA A DOCUMENTACIÓN DO EXPEDIENTE
“O único que temos é unha mensaxe nas redes sociais do alcalde no que dá por aprobados os presupostos no mes de maio”, afirma a edil do PSdeG no Concello María Fernández Ojea
“Como grupo político serio que leva agardando máis dun lustro se faga un presuposto no que se desenvolvan proxectos beneficiosos e de interese para os e as ourensás, só lle podemos reclamar ao executivo local que antes de realizar anuncios como o de hoxe, en dous parágrafos, remita, por favor, un borrador do expediente que pretende aprobar”, recrimina
Ourense, 22 de abril de 2025. Ante a nota de prensa enviada dende o Concello de Ourense anunciando que levará a sesión plenaria no mes de maio, para a súa aprobación, o Orzamento para a Administración local no 2025 as e os edís do grupo municipal do PSdeG amósanse escépticos ao non dispor de ningún tipo de documentación ao respecto para o seu estudo. “Cal é o contido dese orzamento? Ten informes técnicos favorables? Cal é o investimento que prevé? En que vai axudar á veciñanza? Nós non o sabemos. O único que temos é unha mensaxe nas redes sociais do alcalde no que dá por aprobados os presupostos”, afirma a socialista María Fernández Ojea.
Así mesmo, e como veñe acontencendo dende que Gonzalo Pérez Jácome ostenta o bastón de mando, as e os socialistas critican a improvisación e a falta de transparencia cos grupos da oposición para exercer o seu labor de fiscalización, mesmo en asuntos tan serios como a aprobación dun orzamento logo de 6 anos sen dispoñer a terceira cidade de Galicia dun actualizado. “Todo semella unha nova idea do alcalde que considera que pode facer o que queira e cando queira co apoio dos mesmos de sempre”, destaca sobre o posible novo respaldo do PP.
“Dende o grupo municipal do PSdeG, como grupo político serio que leva agardando máis dun lustro a que alguén sexa quen de facer neste Concello un presuposto que permita o seu funcionamento e no que se desenvolvan proxectos beneficiosos e de interese para os e as ourensás, só lle podemos reclamar ao executivo local que antes de realizar anuncios como o de hoxe, en dous parágrafos, remita, por favor, un borrador do expediente que pretende aprobar”, remata contundente ante o que cualifica como de pouca seriedade para un cargo público que dirixe unha cidade.

