O GRUPO SOCIALISTA ACADA O ACORDO DA DEPUTACIÓN PARA ADOPTAR UN PLAN FRONTE Á SILICOSE
A provincia é das máis afectadas silicose, polo que as e os socialistas defenden a adopción dun plan que implique a todos os actores e abranga prevención, tratamento, seguimento e mesmo compensacións
Ourense, 25 de abril do 2025. Doutra banda, a silicose foi o foco dunha segunda moción presentada polo Grupo Provincial Socialista na Deputación. O encargado de defendela foi Emilio Díaz Vidal, deputado socialista e alcalde de Melón, quen subliñou a urxencia de actuar fronte a esta enfermidade profesional que afecta especialmente aos traballadores do sector extractivo e transformador de pedra natural, como a lousa e o granito.
“Galicia, e particularmente a provincia de Ourense, é a comunidade autónoma máis afectada pola silicose, concentrando case o 30% dos casos notificados en España nos últimos anos”, afirmou Díaz. Segundo este, “en Valdeorras, onde se extrae arredor do 70% da produción española de lousa, o problema é especialmente grave, con 56 novos casos diagnosticados en 2023”. Aquí, a exposición prolongada ao po de sílice cristalina, clasificada como substancia canceríxena, presenta un risco acumulativo que pode levar ao desenvolvemento da enfermidade décadas despois da exposición inicial.
Para facer fronte a esta crise, os socialistas puxeron sobre a táboa a creación dun plan integral que inclúa a instalación dun rexistro provincial de enfermidades profesionais, exames médicos gratuítos para traballadores expostos, a creación dunha unidade especializada de enfermidades pulmonares ocupacionais no Hospital Comarcal de Valdeorras e campañas informativas dirixidas a empresarios e traballadores. Ademais, un plan que inste ás empresas a adoptaren protocolos de seguridade laboral e incentive a instalación de sistemas de ventilación e aspiración para reducir a exposición ao po de sílice.
Compromiso coa saúde e benestar provincial
Ambas as mocións reflicten o compromiso do Grupo Provincial Socialista coa saúde pública e o desenvolvemento sostible da provincia de Ourense. Tanto Fernández Nogueira como Díaz Vidal abondaron na “necesidade de, baixo o liderado de Deputación de Ourense, unha acción coordinada entre administracións, empresas e cidadáns para abordar estes desafíos de maneira efectiva”. “Alén de mitigar os impactos destes problemas, hai que ofrecer atención integral aos afectados e promover dinámicas laborais e sociais sustentables que prioricen a saúde e o benestar da veciñanza da provincia”, concluíu o socialista Díaz Vidal.

