Concello de Ourense DEREITOS SOCIAIS INICIATIVAS

Exhortaremos ao goberno municipal a elaborar e poñer en marcha unha estratexia para abordar o senfogarismo

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA EXHORTARÁ AO GOBERNO DE JÁCOME A ELABORAR E POÑER EN MARCHA UNHA ESTRATEXIA PARA ABORDAR A PROBLEMÁTICA DO SENFOGARISMO E A POBREZA ENERXÉTICA NA CIDADE

A voceira do grupo do PsdeG, Natalia González Benéitez, a edil Alba Iglesias e a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta mantiveron un encontro coas asociacións veciñais de A Ponte e O Vinteún para escoitar as súas preocupacións e trasladarlles que esixirán que se doten de asignación económica os programas e servizos de prevención de ludopatías e consumo de drogas

Ademais, a iniciativa reclama que o executivo local modifique e mellore o regulamento de funcionamento do Fogar do Transeúnte adaptándoo ás novas necesidades existentes na cidade

Ourense, 28 de abril de 2025. Durante un encontro que tivo lugar esta mañá entre representantes das asociacións veciñais dos barrios de A Ponte e O Vinteún, a portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez; a edil Alba Iglesias e a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta abordouse a inquedanza do evidente incremento do número de persoas sen teito nas rúas, pedindo esmola, durmindo á intemperie en parques ou zonas públicas, e incluso en garaxes, caixeiros, portais ou galerías comerciais.

“A preocupación e incomodidade da veciñanza é normal e xustificada en moitas zonas e barrios da nosa cidade. Esta problemática vai máis aló dunha cuestión de control, vixianza e seguridade por parte das administracións e require dunha intervención social colectiva, na que o Concello de Ourense debe e ten que xogar un papel fundamental”, expresou a voceira no transcurso da reunión.

Neste senso, tanto as organizacións veciñais como as socialistas coincidiron en que a maioría dos e das sen teito, que hoxe se contan por deceas na urbe, se corresponde cun perfil de persoa toxicómana, sen ningún tipo de soporte familiar e cuxa adicción non é recente senón que vén de lonxe. “A Administración local debería implicarse para paliar a situación en lugar de deixar que todo o labor neste eido recaia sobre as entidades sociais”, afirmou a voceira.

No texto rexistrado, para o que agardan obter o apoio do resto dos grupos da oposición, sinálase que “dende a empatía e a humanidade”, e dende o punto de vista obxectivo de poder acadar unha posible e efectiva reinserción social “porque no mundo no que vivimos ninguén está libre de chegar a unha situación deste tipo e as circunstancias poden cambiar para calquera de nós nun intre”. E inciden en que se debe actuar sobre “o foco do problema como Administración máis próxima á cidadanía”, sen ter que deixar recaer toda esta acción única e exclusivamente nas entidades do terceiro sector que “dende logo fan un traballo imprescindible pero que necesitan máis recursos”.

Así as cousas, o grupo municipal socialista exhortará ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a elaborar e poñer en marcha unha estratexia para abordar a problemática do senfogarismo, a pobreza enerxética e a carencia alimentaria en Ourense. E instarano a recuperar e dotar de asignación económica os  programas e servizos de promoción de saúde do Concello de Ourense, con especial atención aos de prevención de ludopatías e consumo de drogas.

Por último, consideran imprescindible que se modifique e mellore o regulamento de funcionamento do Fogar do Transeúnte do Concello de Ourenseadaptándoo ás novas necesidades existentes na cidade en canto á problemática do senfogarismo. “Na actualidade, esta instalación resulta totalmente insuficiente por desgraza, ademais de contar cun regulamento pendente de actualización para esta nova realidade; e entendemos que convén reformular os criterios de acceso e días de estancia mínima no albergue, habilitar o acceso ao mesmo na compaña de animais, a mellora e reforzo da atención interdisciplinar ás persoas usuarias e a supervisión antes, durante e despois do seu paso polas instalacións”, rematou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.