O PSDEG-PSOE DE VIANA INSTA AO CONCELLO A QUE SE PROCEDA A LICITAR E SACAR A CONTRATACIÓN O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR, QUE LEVA MÁIS DE 3 ANOS EN PRECARIO
As e os socialistas piden que se recolla no mesmo as obrigas das partes e se contemplen os prezos e número de horas en función das persoas atendidas actualmente, facendo unha proxección o máis aproximada posible sobre futuras incorporacións
Germán García-Ávila apunta a que “estamos falando dunha grave dilixencia na xestión por parte do PP nun asunto de vital importancia para o municipio, e que ademais supón o capítulo máis relevante dos servizos que presta o concello”
Apunta que “dende o PSOE ofrecemos sempre apoio para crear unha partida orzamentaria que permita a licitación, pero depende do goberno municipal arranxar o problema, polo que non poden botar balóns fóra culpando a outros”
Viana do Bolo, 9 de maio de 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o seu debate en sesión plenaria na que insta ao concello a proceder a licitar e a sacar a contratación o servizo de axuda no fogar do municipio, que leva máis de 3 anos en precario, tralo vencemento do contrato. As e os socialistas piden que se recolla no mesmo as obrigas das partes e se contemplen os prezos e número de horas en función das persoas atendidas actualmente, facendo unha proxección o máis aproximada posible sobre futuras incorporacións.
Dende o grupo municipal socialista de Viana do Bolo piden tamén que se inste á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial de Ourense para que actualicen o prezo e número de horas do servizo, a efectos de actualizar os ingresos que fan ao concello para pagar o servizo, tendo en contra o encarecemento que se poida dar na contratación. As e os socialistas consideran que o servizo de atención aos maiores nos seus domicilios “é un acordo que supera as administracións locais, xa que prestalo supón un coste económico non asumible para as arcas municipais e polo tanto debe ser cuberto na súa totalidade por parte das administracións autonómicas e provinciais”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que o servizo de axuda no fogar no municipio “leva máis de tres anos en precario, tralo vencemento do contrato entre o concello e a empresa Alpixendra, a que lle foi adxudicado o servizo”. Unha situación que en palabras do edil socialista “é incomprensible”, xa que tal e como apunta “estamos falando dunha grave dilixencia na xestión por parte do PP nun asunto de vital importancia para o municipio, e que ademais supón o capítulo máis relevante dos servizos que presta o concello”.
“Un contrato en precario, como o que nós ocupa, supón que decae a obrigatoriedade do cumprimento dos acordos subscritos polas partes, o que supón que o concello se atope nun limbo sen cobertura legal e que a empresa poida abandonar o servizo ou reclamar incrementos cando o considere”, afirma García-Ávila Arias. O voceiro socialista denuncia a “falla de xestión e interese do PP por arranxar esta problemática que afecta aos maiores do municipio e as traballadoras que os atenden”. Neste senso tamén apunta que “dende o PSOE ofrecemos sempre apoio para crear unha partida orzamentaria que permita a licitación, pero depende do goberno municipal arranxar o problema, polo que non poden botar balóns fóra culpando a outros”.
O grupo municipal socialista xa presentou en setembro de 2024 unha moción denunciando a situación e solicitando que se procedera a licitar o contrato. Dita moción foi aprobada e procedeuse a confeccionar o prego de condicións para sacar o concurso a contratación, pero segundo sinalan as e os socialistas “nada máis se fixo”.
Aumento dos costes do servizo e problemas de Alpixendra cos traballadores
Dende o PSdeG-PSOE vianés tamén destacan que Alpixendra “anunciou un elevado incremento do prezo que vén aplicando á hora de atención aos maiores nos domicilios, sen que a achega do que a Xunta ingresa aos concellos por dito concepto vaia aumentar”. Neste senso apunta que o coste pode pasar dos 14 euros/hora aos 20 euros/hora, ou incluso máis, namentres que o ingreso que fai a Xunta ao Concello vén sendo duns 12 euros/ hora, tendo que por o Concello a diferenza.
“Se esta suba que a empresa ten intención de aplicar se leva a cabo e non se licita novamente o servizo, o concello de Viana vai ter que pasar de orzamentar 2 €/hora a 8€/hora”, apunta Germán García-Ávila Arias. O voceiro socialista considera que esta situación “suporá un grave problema para o concello e as arcas municipais”.
Por outra banda, as e os socialistas amosan a súa “total solidariedade” cos traballadores e traballadoras do servizo que levan tempo queixándose de que a empresa “retrasa o pago das súas nóminas de maneira reiterada”. Germán García-Ávila destaca que estes salarios “son en moitos casos a súa única fonte de ingresos” e apunta a que “cando reclaman á empresa, Alpixendra deriva as responsabilidade ao concello, argumentando que están pendentes de aboarlles facturas de varios meses”.
As e os socialistas salientan que no novo prego de licitación, que se ten elaborado, “contémplase unha mellora das condicións salariais e laborais dos traballadores e traballadoras”, pero tal e como apuntan dende o PSOE vianés “estes estanse vendo prexudicados por non sacar a licitación o contrato, xa que non se actualizan as súas condicións”. Nas últimas semanas traballadoras e traballadores do SAF convocaron varias xuntanzas diante do concello para denunciar a situación e veñen de anunciar unha folga, motivo polo que o grupo municipal socialista insta ao concello a “resolver canto antes dita situación”.

