concellos INICIATIVAS

O PSOE de Viana insta ao concello a rematar co bloqueo das subvencións ás asociacións deportivas e culturais do municipio

O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL DO PP A REMATAR CO “BLOQUEO” QUE MANTEÑEN DENDE 2023 ÁS SUBVENCIÓNS MUNICIPAIS ÁS DIFERENTES ASOCIACIÓNS DEPORTIVAS E CULTURAIS DO CONCELLO

As e os socialistas explican que estas asociacións “son de vital importancia para Viana, pois atenden as necesidades e inquedanzas das persoas, enchendo tanto o seu tempo de lecer, como as súas ansias de aprendizaxe”

Germán García-Ávila Arias explica que o PP “négase a pagar as subvencións, aducindo, como fai con outros incumprimentos, a falta de presupostos, cando é coñecido por todos que, con orzamentos prorrogados, pódese abonar os importes que se abonaron xa en 2023”

Acusa ao alcalde, Andrés Montesinos, de “pór escusas de mal pagador” e sinalan que os responsables das asociacións “xa nos manifestaron en varias ocasións que non son quen de seguir cas actividades, senón poden recibir as subvencións”

Viana do Bolo, 12 de maio de 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria deste xoves na que insta ao goberno municipal do Partido Popular a rematar co “bloqueo” que manteñen dende 2023 ás subvencións municipais ás diferentes asociacións deportivas e culturais do concello. As e os socialistas defende a “importante” labor que estas entidades fan polo municipio á hora de contribuír á formación cultural e ao desenrolo da condición física tanto de crianzas, mozas e mozos, como das persoas de maior idade de Viana do Bolo.

Dende o grupo municipal socialista explican que estas asociacións “son de vital importancia para Viana, pois atenden as necesidades e inquedanzas das persoas, enchendo tanto o seu tempo de lecer, como as súas ansias de aprendizaxe”. As e os socialistas destacan que asociacións como Orfeón, Candea, Vianariño, Folións, Comparas, Robleda, Naútico, CD Viana e outras constituídas en varios núcleos de poboación de Viana “integran a un elevado número de persoas”.

As últimas subvencións abonadas por parte do Concello corresponden ao ano 2023 e tal e como apunta o voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, “dende entón estas asociacións culturais e deportivas vense privadas de recibir importe algún que permita continuar atendendo á toda a veciñanza que desfrutan dos seus servizos”. O edil socialista explica que o PP “négase a pagar as subvencións, aducindo, como fai con outros incumprimentos, a falta de presupostos, cando é coñecido por todos que, con orzamentos prorrogados, pódese abonar os importes que se abonaron xa en 2023”.

García-Ávila Arias acusa ao alcalde, Andrés Montesinos, e ao seu equipo de goberno de “pór escusas de mal pagador”, xa que tal e como apunta “escúdanse en informes técnicos contrarios a facer as achegas sen orzamentos, cando non deixan de ser unha interpretación xurídica máis”. Neste senso tamén relata que “hai outras interpretacións que din o contrario e hai exemplos de pagos de subvencións sen orzamentos como sucedeu no noso concello en catro exercicios, sen problema técnico ou xurídico algún, e tamén sucedeu en numerosos concellos, autonomías e mesmo no Estado”.

O PSdeG-PSOE vianés lembra que levan pedido e esixido en numerosos plenos que se proceda a abonar as achegas pendentes, tanto do 2024, como do 2025. “Os responsables de xestionar estas asociacións xa nos manifestaron en varias ocasións que non son quen de seguir cas actividades, xa que as cotas abonadas polos usuarios non chegan para manter o traballo diario e nalgún caso xa alertaron de que de seguir sen cobrar as subvencións, terán que cesar as súas actividades”.

Ante esta situación, o PSdeG-PSOE de Viana presenta esta moción cos seguintes puntos de acordo:

  1. Que por parte do alcalde se proceda a levantar calquera reparo que se poida para o abono das subvencións, xa que non implica problema legal algún, coma ten feito con outras obxeccións que se teñen posto en outras partidas, contando, neste caso, co respaldo do pleno da corporación, se é aprobada a moción.
  2. Que os informes non teñen que ser só para condicionar este pago, deben contemplar tamén alternativas para poder atender aos compromisos derivados da xestión municipal cando non teñen presentados os orzamentos, tal e como ocorre en numerosos concellos, autonomías e no propio Estado.
  3. Que cunha modificación orzamentaria e unha modificación no anexo de subvencións dos orzamentos de 2023, aprobada en pleno, hai cobertura legal máis que suficiente para abonar as subvencións pendentes.
  4. Que se proceda a solicitar un informe xurídico á Deputación Provincial de Ourense, que conta cun gabinete de asesoramento aos concellos, para atopar outra saída ao bloque, no caso de non aceptar as propostas do grupo municipal socialista.