concellos Denuncias

O PSOE de Leiro denuncia o precinto dos composteiros na praza Rei de Viana

O PSDEG-PSOE DE LEIRO DENUNCIA QUE O GOBERNO LOCAL DO PP VÉN DE PRECINTAR OS COMPOSTEIROS SITUADOS NA PRAZA REI DE VIANA, PRIVANDO Á VECIÑANZA DUNHA FERRAMENTA ÚTIL E EVITANDO QUE PARTICIPEN ACTIVAMENTE NA COMPOSTAXE

As e os socialistas critican que o goberno local “vaia na dirección contraria ao modelo sostible impulsado pola Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e a Unión Europea”

“A veciñanza de Leiro non merece quedar atrás namentres outros concellos avanzan cara a modelos de xestión máis ecolóxicos e eficientes”, afirma Manuel Rodríguez

Pola súa banda, Pedro José González destaca que “o goberno municipal ten a obriga de liderar o cambio cara á sustentabilidade, non de poñer paus nas rodas a iniciativas que xa están funcionando noutras vilas”

Leiro, 15 de maio de 2025. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que o goberno municipal do Partido Popular vén de precintar os composteiros situados na praza Rei de Viana, privando á veciñanza dunha ferramenta útil para reducir os residuos orgánicos e evitando que participen activamente na compostaxe comunitaria. As e os socialistas subliñan que “namentres noutros municipios se promove a compostaxe con fondos europeos, en Leiro imos cara atrás, privando á veciñanza de empregar os composteiros”.

Dende o grupo municipal socialista critican que o goberno local “vaia na dirección contraria ao modelo sostible impulsado pola Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e a Unión Europea”. As e os socialistas consideran “incomprensible” o precinto dos composteiros, nun momento no que  a Xunta, a través da consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, acaba de anuncia un investimento de máis de 8,1 millóns de euros en axudas para a implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de materia orgánica, aceites usados e residuos textiles. Estas subvencións, financiadas cos fondos Next Generation da Unión Europea, beneficiarán este ano a 105 entidades locais mediante 195 proxectos repartidos por toda Galicia.

Durante unha recente visita ao concello do Carballiño, a conselleira, Ángeles Vázquez, destacou a importancia deste proxectos, dos que unha parte moi significativa vai destinada á recollida e tratamento da materia orgánica xerada nos fogares. “A urbanización da Uceira e o barrio dos Corzos contan xa con puntos de compostaxe comunitaria promovidos pola Deputación, o que permite reducir a xeración de lixo e incluso acceder a bonificacións nas taxas para as persoas que participan”, apuntan dende o PSOE de Leiro.

“En Leiro, pola contra, imos polo camiño contrario”, destacan os concelleiros socialistas Manuel Rodríguez Vázquez e Pedro José González, que apuntan tamén que “en lugar de aproveitar estas oportunidades para modernizar a xestión dos residuos e implicar á cidadanía nun modelo sostible, o concello decide bloquear o uso dos composteiros comunitarios existentes, sen ofrecer alternativas, nin explicacións claras”.

Ante esta situación, o PSdeG-PSOE de Leiro esixe a reapertura “inmediata” dos composteiros precintados, a elaboración dun proxecto de compostaxe comunitaria para o municipio e a presentación dunha solicitude de axuda ás administracións superiores. “A compostaxe non é só unha medida responsable co medio ambiente, senón tamén unha oportunidade para reducir custes e modernizar os servizos públicos”, destacan as e os socialistas.

“A veciñanza de Leiro non merece quedar atrás namentres outros concellos avanzan cara a modelos de xestión máis ecolóxicos e eficientes”, afirma Manuel Rodríguez, que tamén apunta que “é hora de abandonar a pasividade e actuar con responsabilidade”.

Pola súa banda, Pedro José González destaca que “o goberno municipal ten a obriga de liderar o cambio cara á sustentabilidade, non de poñer paus nas rodas a iniciativas que xa están funcionando noutras vilas do Ribeiro con resultados positivos”.

Dende o PSdeG-PSOE de Leiro sinalan que “seguiremos traballando para garantir que Leiro sexa un concello comprometido coa sustentabilidade, co benestar da veciñanza e coa captación de fondos que melloren os servizos públicos”.