AS E OS SOCIALISTAS DA CIDADE DE OURENSE REIVINDICARON ÁS CANTAREIRAS “XÉRMOLO DA RESISTENCIA” E “TESTEMUÑA DA HISTORIA QUE SE PRECISABA MUDAR”
“É a nosa obriga agradecer a estas mulleres que aunan a tradición, para non esquecer as nosas raíces e non dar pasos atrás no acadado, e a vangarda, para abrir horizontes amplos e cheos de luz”, salientou a secretaria xeral do partido, Natalia González
“Elas perpetuaron a tradición, a cultura do noso pobo e o folclore malia as adversidades históricas”, relatou, pola súa banda, a secretaria de Educación da CEM, Cristina Cruz
Ourense, 16 de maio de 2025. A Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense celebrou o Día das Letras Galegas cunha actuación musical da agrupación de mulleres ‘A voz das mouras’, na Praza San Martiño, esta tarde. As e os socialistas quixeron así contribuír á homenaxe ás cantareiras escollidas pola Real Academia Galega (RAG) para conmemorar a nosa cultura e tradición o 17 de maio.
Natalia González, secretaria xeral do partido na cidade, comezou destacando a importancia da poesía popular oral “que acompaña a nosa sociedade desde sempre” e que foi e continúa a ser, grazas ás cantareiras, testemuña da historia máis escura que se precisaba mudar” e “xérmolo da resistencia ante a prohibición do uso do galego na escrita ou as normas sociais machistas”.
“É o noso deber, e con máis forza nos tempos actuais, continuar o legado que nos fixeron chegar promovendo unha cultura plural e feminista. É a nosa obriga agradecer a estas mulleres que aunan a tradición, para non esquecer as nosas raíces e non dar pasos atrás no acadado, e a vangarda, para abrir horizontes amplos e cheos de luz”, salientou a tamén voceira do PSdeG no Concello de Ourense.
“Elas perpetuaron a tradición, a cultura do noso pobo e o folclore malia as adversidades históricas”, relatou, pola súa banda, a secretaria de Educación da CEM, Cristina Cruz. E lembrou, especialmente, a esas mulleres que “irónicamente” e “con retranca” cantaban melodías nas que “criticaban o poder do clero, as apariencias sociais tan rancias” ou que “pícaramente” animaban ás mozas e mozos a “desfrutar do presente, do amor, da pasión…”. “Elas son o xerme das mulleres cantareiras de hoxe en día, e as que fixeron que todas quixeramos ser e chamarnos Carolina para bailar en liberdade e ser nos mesmas sen que nos importase o maldicir da xente do arredor”, rematou.

















