POLÍTICA PROVINCIAL

Opómonos ao recorte de frecuencias do AVE na Gudiña

O GRUPO SOCIALISTA NA DEPUTACIÓN OPONSE AO RECORTE DE FRECUENCIAS DO AVE NA GUDIÑA E RECLAMA UNHA MEIRANDE EQUIDADE TERRITORIAL

O PSdeG-PSOE de Ourense rexeita as reducións anunciadas por Renfe, denunciando sobre o terreo que a medida supón o abandono dunha comarca xa afectada pola diminución de servizos

Álvaro Vila, acompañado por Néstor Ogando, alcalde da Gudiña, e deputadas provinciais manifesta o seu apoio ás iniciativas institucionais e veciñais fronte aos recortes no servizo ferroviario

A redución de paradas do AVE, que pasará de 9 a 6 trens diarios a partires do 9 de xuño, afectará non só aos veciños gudiñeses, senón tamén a usuarios do Bierzo e norte de Portugal

A Gudiña, 22 de maio do 2025. “Estamos hoxe na Gudiña apoiando a reivindicación que impulsan desde o Concello e que afecta a toda a comarca e incluso máis alá, para que non se leve a cabo a supresión de frecuencias do AVE”, afirmou Álvaro Vila, secretario provincial do PSdeG-PSOE e portavoz do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense. Acompañado por varias deputadas e deputados do grupo provincial, Vila quixo mostrar o apoio do seu partido á loita encabezada polo alcalde da vila, Néstor Ogando, referente nas mobilizacións contra esta medida.

O líder dos socialistas ourensáns manifestou o rexeitamento frontal do seu grupo ao recorte de paradas do AVE na estación A Gudiña – Porta de Galicia, que entrará en vigor o 9 de xuño. “Non podemos permitir que se minoren servizos esenciais nunha zona clave, fundamental para centos de persoas que cada día precisan desprazarse por motivos laborais, sanitarios ou educativos”, dixo Vila. Destacou que o Grupo Socialista subscribirá todas as iniciativas posibles diante das autoridades competentes e Renfe para evitar os recortes.

Pola súa banda, o alcalde gudiñés tamén se pronunciou sobre a situación: “estamos en loita para ver de manter os servizos esenciais dos que nos queren privar, unha deriva que non ten sentido ningún!”. Ogando lembrou que dende o seu concello están a impulsar unha campaña de mobilización que xa conta co apoio de máis de 30 concellos da contorna, incluíndo a municipios do Bierzo (Castela e León) e do norte de Portugal. “Esta é unha batalla compartida, transfronteiriza e interterritorial, que require unha resposta axeitada por parte das administracións superiores”, destacou o rexedor.

Un recorte que afecta a todo un territorio

A partir do 9 de xuño, o número de trens que fan parada na estación da Gudiña reducirase de 9 a 6 diarios, deixando sen opción ferroviaria aos usuarios que precisen viaxar cara Madrid antes das 14:08 horas ou regresar a Galicia despois das 18:06 horas. O presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, xustificou a reordenación dos servizos en nome do “interese xeral e social”, pero para o Grupo Provincial Socialista isto choca cunha realidade que fala por si soa: menos trens e menos horarios implica un meirande abandono dunha comarca xa afectada polo retroceso nos servizos públicos.

“Temos a obriga de garantir a todas e todos a mesma calidade de vida e oportunidades que teñen aqueles que residen nas grandes cidades porque, amais, é o único xeito de paliar o despoboamento e lograr un desenvolvemento equilibrado da provincia”, salientou Vila, quen destacou que o seu grupo seguirá a traballa de forma decidida para defender o acceso universal aos servizos ferroviarios e garantir que ningún territorio da provincia quede atrás.