O PSOE DE VIANA ACUSA AO GOBERNO LOCAL DO PP DE “MANIPULAR E ENGANAR” AOS TRABALLADORES DO SAF E Á VECIÑANZA EN RELACIÓN Á LICITACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
As e os socialistas sinalan que os argumentos dos populares para non licitar o servizo son “rotundamente falsos”, xa que tal e como explican “escúdanse en que ten que haber orzamentos, cando non son necesarios, xa que o único que hai que facer é crear unha partida orzamentaria para o servizo”
Sinalan que no pleno de onte, o alcalde actuou de “forma espuria” ao retirar da orde do día a licitación da axuda no fogar e evitar deste xeito o “debate” e que o PSOE ofrecese a súa versión e solución para poder sacar a licitación o servizo
As e os socialistas destacan que teñen a solución ao problema e que a mesma inclúe que o concello só teña que asumir un pago de 306.990 euros dos 897.476,40 que custa en total o servizo de axuda no fogar
Viana do Bolo, 23 de maio do 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo acusa ao grupo de goberno do Partido Popular, encabezado polo alcalde, Andrés Montesinos, de “manipular e enganar” aos traballadores do servizo de axuda (SAF) no fogar e á veciñanza do municipio en relación á licitación do SAF. As e os socialistas sinalan que os argumentos dos populares para non licitar o servizo son “rotundamente falsos”, xa que tal e como explican “escúdanse en que ten que haber orzamentos, cando non son necesarios, xa que o único que hai que facer é crear unha partida orzamentaria para o servizo”.
Dende o grupo municipal socialista de Viana do Bolo destacan que no pleno celebrado no día de onte o alcalde e o seu equipo “trataron de manipular a realidade e culpar a oposición de que o servizo de axuda no fogar non saia a licitación, cando leva 3 anos precario pola inacción do PP”. As e os socialistas sinalan que o alcalde actuou de “forma espuria” ao retirar da orde do día a licitación da axuda no fogar e evitar deste xeito o “debate” e que o PSOE ofrecese a súa versión e solución para poder sacar a licitación o servizo. Neste senso lembran que “o mesmo que acontece co servizo de axuda no fogar, está sucedendo coas subvencións as asociacións culturais e deportivas, que non se pagan porque o PP négase a crear a partida orzamentaria e escúdase en que non hai orzamentos”.
O PSdeG-PSOE vianés destaca que a lei “esixe que haxa creada unha partida orzamentaria creada e non fai falla ter orzamentos” e apuntan a que “así o queríamos explicar na sesión plenaria, pero o alcalde privounos de facelo ao retirar da orde do día este punto”. Neste senso as e os socialistas esíxenlle ao PP que “deixe de facer dano a poboación, que rematen coa chantaxe a oposición cos orzamentos e que se os queren aprobar, que se senten a estudalos con nós antes de presentalos”. Consideran que esta forma de actuar “é só unha cortina de fume para tapar os intereses espurios do alcalde coa licitación do servizo de axuda no fogar”, motivo polo que lle piden ao PP e ao rexedor que “deixen de empregar argumentos falsos e de por en perigo o benestar da veciñanza de Viana”.
Proposta socialista para a creación da partida
As e os socialistas levaban ao pleno unha proposta “clara, concisa e concreta” para poder crear a partida orzamentaria necesaria para sacar a licitación o servizo de axuda no fogar, tanto na parte de dependencia como na de libre concorrencia, por un importe total de 897.476,40 euros, que é o custe anual do servizo. A proposta do PSdeG-PSOE de Viana incluía utilizar a partida que xa figura nos orzamentos prorrogados para o SAF de 290.000 euros, destinar unha partida de 226.000 euros que actualmente está dedicada ao lixo e limpeza viaria, pero que este ano non hai que pagala, incluír tamén 60.000 euros do Coperou e deste xeito sumaría un total de 576.000 euros. “Faltarían 321.476,40 euros, que pódese sacar do remanente do exercicio económico de 2024, que tras os compromisos de pago xa realizados quedaron 855.000 euros”.
“Nós propomos que o alcalde convoque un pleno no que aprobemos esta partida orzamentaria e no mesmo aprobar tamén a licitación do servizo”, apuntan as e os socialistas. Tamén fan fincapé en que “unha vez creada a partida, non hai que utilizala, xa que deses 897.476,40 euros, o concello só ten que asumir un custe real de 306.990 euros”. O resto correría a cargo doutras institucións e dos usuarios, aportando a Xunta 414.856 euros e os usuarios 120.808 para o apartado de dependencia e a Deputación 32.521,94 euros e as usuarias 23.400 euros para o apartado de libre concorrencia. “Todas estas achegas sumarían un total de 590.485,94 euros, polo que o concello só debería asumir o pago de 306.990 euros”.
“Esta é a verdade e os números non menten”, sinalan dende o PSOE vianés antes de apuntar que “o alcalde non lle importan nada os traballadores, nin que se vexan mermadas as súas condicións laborais e económicas, que poderían mellorar de sacarse a licitación o servizo”. Acusan tamén ao alcalde de “xogar co futuro dos traballadores e da veciñanza, primando a súa estratexia electoral para culpar a oposición da súa nefasta xestión como rexedor e sacrificando o futuro laboral e económico dos propios traballadores”.

