Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos a reactivación urxente do comité ético da Deputación

O GRUPO SOCIALISTA IMPULSA A REACTIVACIÓN URXENTE DO COMITÉ ÉTICO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE TRAS MÁIS DUNHA DÉCADA SEN FUNCIONAR

Para Álvaro Vila, “non se trata soamente de cumprir cunha obrigación legal; senón tamén de recuperar un símbolo de confianza, de rigor e de compromiso co ben común”

“Necesitamos espazos independentes e axeitados para resolver conflitos, protexer a denunciantes e garantir a fiscalización, senón o risco de deterioro da confianza cidadá elévase”, dixo este

O PSdeG-PSOE propón que a súa conformación sexa pública, transparente e participativa, cunha selección de membros baseada no mérito, experiencia, compromiso co interese público e independencia

Ourense, 27 de maio do 2025. O Grupo Provincial Socialista vén de presentar unha iniciativa para que a Deputación de Ourense impulse o “nomeamento urxente” dun novo Comité Ético. Para Álvaro Vila, secretario provincial do PSdeG-PSOE, “non se trata soamente de cumprir con unha obrigación legal; senón tamén de recuperar un símbolo de confianza, de rigor e de compromiso co ben común”.

Para este, “o Comité confórmase coma una órgano esencial para garantir a transparencia, boa gobernanza e credibilidade institucional”. Ademais, insistiu en que “hoxe máis ca nunca, necesitamos espazos neutros, independentes e axeitados para resolver conflitos complexos, protexer aos denunciantes e garantir unha continua fiscalización interna. Sen isto, o risco de deterioro da confianza cidadá elévase exponencialmente”.

A moción será debatida no próximo pleno ordinario da corporación provincial do 30 de maio e aspira a poñer fin a case dez anos de parálise deste mecanismo de control, clave para mediar en conflitos laborais sensibles, supervisar a conducta dos representantes públicos e velar polo rigor na xestión pública.  “Reactivar o Comité Ético non é só un acto de responsabilidade política, senón un compromiso co futuro de Ourense, coa súa xente e coa súa dignidade democrática”, fincou Vila.

Medidas concretas para unha efectiva supervisión

A iniciativa inclúe unha propostas concretas orientadas a asegurar que a reactivación sexa efectiva e non quede en simples promesas. Pide o nomeamento inmediato do novo comité para restablecer os mecanismos de control ético dentro da institución. Para iso, propón desenvolver un proceso público, transparente e participativo de selección dos membros, baseado en mérito, experiencia, independencia e compromiso co interese público, evitando calquera vencello directo ou indirecto cos grupos políticos no goberno.

Ademais, solicita revisar e actualizar os estatutos e o marco legal interno do Comité Ético para garantir a súa autonomía funcional e a separación efectiva respecto ao poder político, así como establecer un sistema de rotación e renovación progresiva dos membros, para evitar a perpetuación no cargo e asegurar a continuidade do órgano mesmo fronte a futuras vacantes ou dimisións.

Outra das medidas pasa por dotar ao novo Comité Ético de recursos humanos e técnicos axeitados, así como de apoio xurídico e administrativo, para que poida desenvolver a súa labor con eficacia e as máximas garantías de obxectividade e transparencia. Finalmente, a sexta proposta compromete á Deputación á publicación anual dun informe de actividades, decisións e recomendacións do Comité Ético, como exercicio de rendición de contas cara a toda a cidadanía ourensá.

Máis dunha década de parálise

Este órgano, creado en xuño de 2015 baixo a presidencia de Xosé Manuel Baltar, naceu con grandes expectativas, presentándose coma un dos piares dunha pretendida política de transparencia da institución. Non obstante, a súa traxectoria quedou truncada cando os seus membros dimitiron en masa ao comezo do debate sobre unha denuncia presentada polos socialistas por presuntas prácticas de acoso sexual ligadas a ofertas de emprego.

Esa crise puxo ao descuberto fraxilidades estruturais, a falta de independencia e a vulnerabilidade do comité ante cuestións politicamente sensibles. Desde entón, e a pesares de sucesivas promesas e anuncios, a instancia ética non só non se recompuxo, senón que permaneceu inactiva, deixando un grave baleiro institucional nun ámbito fundamental para a credibilidade da vida pública provincial.

“Namentres, sociedade mudou. A cidadanía demanda máis participación, maior conciencia sobre dereitos laborais, igualdade real e non discriminación, e máis máis esixencias en canto a transparencia e responsabilidade nos postos de poder. Neste contexto, resulta inadmisible que un instrumento tan importante coma o Comité Ético siga sen recompoñerse”, concluíu Vila.