IMPULSAMOS UNHA INICIATIVA PARA A ASUNCIÓN DOS CUSTOS DAS PAU POR PARTE DOS CONCELLOS DE VALDEORRAS E APOIAMOS MANTER AS FRECUENCIAS DO AVE NA ESTACIÓN DA GUDIÑA
O pleno aprobou unha moción socialista a prol da equidade territorial no acceso á educación na provincia, denunciando o “inxusto” da asunción dos custos das PAU polos concellos de Valdeorras
Os socialistas apoiaron unha iniciativa conxunta de todos os grupos para instar a Renfe a manter as frecuencias do AVE na estación da Gudiña, evidenciando o seu “firme compromiso cos servizos públicos”
Ourense, 30 de maio de 2025. Os socialistas lograron sacar adiante unha moción para garantir a equidade territorial no acceso á educación na nosa provincia. A iniciativa, defendida polo deputado socialista pola comarca de Valdeorras, Aurentino Alonso, puxo enriba da mesa unha problemática que afecta aos concellos do oriente ourensán: a asunción dos gastos derivados da celebración das Probas de Acceso á Universidade (PAU) no IES Cosme López Rodríguez da Rúa. “Trátase dunha clara inxustiza, que penaliza aos concellos pequenos por facilitar que o alumnado realice os exames preto da súa residencia”, sinalou Alonso.
O deputado explicou que Valdeorras é unha das tres únicas comarcas de Galicia —xunto a Viveiro e Cee— onde os concellos deben afrontar os custos vinculados á presenza do tribunal avaliador, que este ano superan os 21.000 euros. Uns gastos que deben ser repartidos de xeito alícuota entre municipios con orzamentos moi limitados, e que representan un esforzo económico desproporcionado. “Non falamos dun luxo, senón dun servizo esencial que evita longos desprazamentos ás cidades e que beneficia a mozos e mozas do rural”, afirmou.
A moción aprobada recolle a petición formal á CIUG para a eliminación destes custos, instando á Deputación a actuar como mediadora ante a Xunta de Galicia co obxectivo de acadar solucións xustas e sostibles. “A solidariedade dos concellos rurais debe ser recoñecida, non penalizada. Non se pode pedir máis compromiso a quen xa soporta as maiores dificultades estruturais”, insistiu Alonso, quen agradeceu o respaldo da corporación á proposta socialista. A iniciativa tamén inclúe o apoio explícito aos concellos afectados e á súa defensa dunha educación pública, accesible e igualitaria.
Desde o Grupo Provincial Socialista subliñaron até que punto a realidade do medio rural esixe políticas públicas sensibles e con perspectiva territorial. “Canto máis afastados estamos dos grandes centros, máis discriminación sufrimos. A nosa responsabilidade é garantir que as oportunidades educativas non dependan do código postal”, concluíu Aurentino Alonso. A moción aprobada é unha mostra máis do compromiso socialista coa xustiza territorial, a defensa do rural e o impulso dunha provincia de Ourense cohesionada e con futuro.
“Non” á reducción de trens na Gudiña
No mesmo pleno, o Grupo Provincial Socialista manifestou o seu firme compromiso coa defensa dos servizos públicos no rural ourensán, apoiando unha moción conxunta de todos os grupos representados na Deputación para instar a Renfe a manter as actuais frecuencias do AVE na estación da Gudiña – Porta de Galicia. Na súa intervención, o deputado socialista Álvaro Vila advertiu que “non podemos permitir que se minoren servizos esenciais nunha zona clave, fundamental para centos de persoas que cada día precisan desprazarse por motivos laborais, sanitarios ou educativos”.
Os socialistas rexeitan con rotundidade a rebaixa de trens diarios de 9 a 6, unha medida que supón un novo golpe para unha comarca xa castigada pola perda progresiva de servizos públicos. Vila subliñou que “temos a obriga de garantir a todas e todos a mesma calidade de vida e oportunidades que teñen aqueles que residen nas grandes cidades porque, amais, é o único xeito de paliar o despoboamento e lograr un desenvolvemento equilibrado da provincia”, destacando que o seu grupo subscribirá todas as iniciativas necesarias para evitar os recortes previstos a partir do 9 de xuño.

