PP E DO BLOQUEAN A INICIATIVA SOCIALISTA PARA A REACTIVACIÓN DO COMITÉ ÉTICO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE
“Negarse a activar este mecanismo é negar á cidadanía o dereito de saber que quen exerce cargos públicos o fai baixo criterios éticos claros, supervisados e con consecuencias”, dixo Elvira Lama
Ourense, 30 de maio do 2025. O Partido Popular (PP) e Democracia Ourensá (DO) impediron co seu voto negativo a aprobación da moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para reactivar o Comité Ético da Deputación de Ourense, que leva paralizado desde hai case dez anos. A iniciativa requiría a “activación urxente” do Comité Ético, así como o establecemento dun procedemento transparente e independente para a elección dos seus membros, e medidas para garantir a súa autonomía funcional e a publicación anual dun informe de actividades.
No marco do debate plenario que tivo lugar hoxe, a deputada socialista Elvira Lama, defendeu a proposta ao considerala “un paso imprescindible para recuperar a confianza cidadá e garantir a existencia de mecanismos efectivos de control ético e institucional”. Lamentou, sen embargo, que “coma sempre, o PP optara por desviar a atención, reproducindo os discursos virulentos do seu partido en Madrid contra o Goberno central, fuxindo da realidade e contornas que atinxen á corporación provincial e ton totalmente impropio”.
Lama cualificou de “inaudita” a afirmación do PP de que non é necesario un código ético porque, tal e como dixeron os responsables populares, “os que se adican á política xa saben como se teñen que comportar”. A deputada socialista non puido evitar a súa “sorpresa” diante das resistencias da formación conservadora cando este instrumento está recollido na propia normativa da Deputación de Ourense e que leva unha década en situación de stand by, tras dimitir os seus membros no marco dunha denuncia por acoso sexual.
“Negarse a activar este mecanismo é negar á cidadanía o dereito de saber que quen exerce cargos públicos o fai baixo criterios éticos claros, supervisados e con consecuencias”, engadiu Lama. Segundo esta, “o PP prefire manter este baleiro institucional e agocharse tras discursos partidistas e escusas inxustificables”. O Grupo Socialista comprométese a seguir traballando por unha Deputación máis transparente, ética e con vocación de servizo público real. “Non deixaremos de insistir mentres continúe este desprezo pola rendición de contas e dignidade democrática da nosa provincia”, concluíu Lama.

