POLÍTICA PROVINCIAL

Reclamamos que se soliciten os informes técnicos e xurídicos para reabrir as termas do Muíño canto antes

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE RECLAMAN QUE O GOBERNO DE JÁCOME SOLICITE OS INFORMES TÉCNICOS E XURÍDICOS PERTINENTES PARA REABRIR AS TERMAS DO MUÍÑO CANTO ANTES

A última palabra para poder manter abertas esas termas ten que estar abalada tamén polos informes xurídicos dos técnicos municipais para poder levarse a cabo esa solución plantexada pola Xunta de Galicia, con todas as garantías legais para a propia institución”, afondou a voceira do PSdeG, Natalia González

Dende o PSOE, do mesmo xeito que trasladamos nesta reunión, reclamamos que unha vez que se pidan os informes xurídicos pertinentes se nos reúna ás portavoces da oposición, ás representantes de cada partido, e que tomemos entre todas a decisión que mellor responda aos intereses da veciñanza”, aclarou

Ourense, 3 de xuño de 2025. Logo de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, convocase unha Xunta de Voceiros, o xoves 29 de maio, para informar da chegada dunha comunicación da Xunta de Galicia que ordeaba o peche permanente ou a recomendación de non bañarse nas Termas do Muíño da Veiga porque non se adapta á Lei Termal de 2019, esta mañá tivo lugar unha reunión na que participaron representantes de ámbalas dúas institucións e os e as portavoces dos grupos con representación política no Concello de Ourense.

Segundo explicou o rexedor a semana pasada, as termas non se poden adaptar porque non se poden declarar como augas mineiromedicinais e tampouco se poden canalizar e declarar como augas de baño, porque tamén se iniciou o procedemento no ano 2022 e foi denegado ao non tratarse de augas superficiais e confinadas. Todo elo dificulta que coa normativa actual -que as e os socialistas lembran que se elaborou de costas á cidade de Ourense e aos seus intereses e que favorece a outras infraestruturas privadas, prexudicando claramente o termalismo público- que este ben natural poida ser reaberto para foráneos e turistas.

«Temos que agradecer ao delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e aos e ás traballadoras da Administración autonómica, así como ao alcalde, que se reuniran con nós hoxe e o que propoñen é unha posible solución para non vernos obrigados ao peche permanente das termas do Muíño. Dentro do que foi a reunión iso foi positivo. Pero agora a pelota está no tellado do Concello de Ourense”, valorou a voceira do grupo do PSdeG, Natalia González, ao remate do encontro.

“A última palabra para poder manter abertas esas termas, que é algo que desexamos e no que coincidimos todos e todas, ten que estar abalado tamén polos informes xurídicos dos técnicos municipais para poder levarse a cabo esa solución plantexada pola Xunta de Galicia, con todas as garantías legais e sen que supoña unha responsabilidade patrimonial para a propia institución”, afondou sobre os pasos que se deberían dar a continuación.

“Dende o PSOE, do mesmo xeito que trasladamos nesta reunión, reclamamos que unha vez que se pidan os informes xurídicos pertinentes se nos reúna ás portavoces da oposición, ás representantes de cada partido, e que tomemos entre todas a decisión que mellor responda aos intereses da veciñanza e teña todas as garantías legais”, rematou ante os medios de comunicación.