GOBERNO ESTATAL Infraestruturas

Adxudicadas as obras de humanización da N-525 en Xinzo

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA QUE INVESTIMENTO DE MÁIS DE 4 MILLÓNS NA HUMANIZACIÓN DA N-525 AO SEU PASO POR XINZO “TRANSFORMARÁ O URBANISMO DO MUNICIPIO PARA SEMPRE”

Marga Martín e Rafa Villarino subliñan que o inicio das obras “é unha gran nova para Xinzo e a veciñanza, pois este proxecto mellorará a súa calidade de vida, potenciando a mobilidade ciclista e peonil e limitando o uso de vehículos particulares dentro do propio núcleo de poboación”

“Xinzo e a provincia de Ourense seguen recibindo investimentos nunca antes vistos” apuntan Martín e Villarino, que tamén lembran que “este é un Goberno comprometido cos ourensáns e as ourensás e así o amosan os datos e as inversións”

Ourense, 5 de xuño do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que a adxudicacións das obras de humanización da N-525 ao seu paso por Xinzo, cun investimento de 4,164 millóns de euros, “suporá un antes e un despois para o municipio, transformando para sempre o urbanismo da vila”. As e os socialistas sinalan que os traballos comezarán o vindeiro 16 de xuño e terán unha duración de 12 meses. Trátase dun investimento realizado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, financiado con fondos Next Generation.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, subliñan que o inicio das obras “é unha gran nova para Xinzo e a súa veciñanza, pois este proxecto mellorará a súa calidade de vida, potenciando a mobilidade ciclista e peonil e limitando o uso de vehículos particulares dentro do propio núcleo de poboación”. A e o representante do PSdeG-PSOE de Ourense nas Cortes Xerais lembran que este proxecto “comezará o vindeiro 16 de xuño, gracias ao traballo da ex alcaldesa socialista, Elvira Lama Fernández, quen a base de traballo e de tocar numerosas portas, logrou o compromiso do Goberno central para levar a cabo a transformación urbana da principal arteria de comunicación do municipio”.

“Xinzo e a provincia de Ourense seguen recibindo investimentos nunca antes vistos” apuntan Martín e Villarino, que tamén lembran que “este é un Goberno comprometido cos ourensáns e as ourensás e así o amosan os datos e as inversións”.

Rafa Villarino e Marga Martín sinalan que o obxectivo deste proxecto “é potenciar o núcleo de Xinzo de Limia para que sirva como área de unión e desenvolvemento de actividades de ocio, recuperando espazo urbano e fomentando a mobilidade sostible e accesible a todos e todas”. Un proxecto que en palabras dos representantes socialistas en Madrid permitirá “dotar de maior ancho ás beirarrúas, permitir o paso cómodo e seguro dos peóns, separando o tráfico rodado das zonas de uso peonil, proxectar zonas axardinadas, construír un carril bici de 3 quilómetros ou soterrar a liña de alumeado público”.

A actuación, que se desenvolverá entre os puntos quilométricos 197 e 200 da N-525, “ten tamén como obxectivo a mellora da seguridade viaria, coa ampliación dos espazos peonís, o aumento de beirarrúas, a creación de zonas verdes ou dun carril bici, separando o tráfico rodado das zonas de uso peonil e ciclista”, afirman Martín e Villarino. Esta actuación implica que, unha vez finalizadas as obras, o tramo da N-525 ao seu paso por Xinzo de Limia cederase ao concello.