AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE RECLAMAN, UN ANO MÁIS, QUE O GOBERNO DE JÁCOME PROGRAME ACTIVIDADE CULTURAL NOS MESES ESTIVAIS PARA A CIDADANÍA E O TURISMO
Lamentan a resposta do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que afirmou que habería eventos privados e que “as nosas festas non coinciden co verán”, polo que non hai previsión de ofrecer alternativas á veciñanza e ao turismo e reducindo todo o ocio exclusivamente á organización destas celebracións
“Ourense non pode permitirse outro verán máis sen cultura, sen alternativas de ocio público e sen apoio aos nosos e ás nosas artistas”, engade a edil do PSdeG Cristina Cruz ante a pasividade e o menosprezo de DO con respecto a todo aquelo que non inclúa orquestras e charangas
Ourense, 11 de xuño de 2025. “Non haberá nin concertos, nin teatro, nin actividades para a cativada, nin un calendario de eventos que dea vida á cidade nos vindeiros meses estivais”, comeza lamentando a edil do PSdeG no Concello de Ourense Cristina Cruz logo de preguntar no pleno ordinario de xuño se o goberno municipal tiña previsto organizar programación cultural de verán.
Neste senso, lamentan a resposta do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que afirmou que habería eventos privados e que “as nosas festas non coinciden co verán”, polo que non hai previsión de ofrecer alternativas á veciñanza e ao turismo e reducindo todo o ocio exclusivamente á organización destas celebracións.
“Mentres outras cidades galegas levan semanas anunciando festivais, ciclos culturais e actividades nas rúas, aquí, o executivo local volve amosar unha total falta de planificación e interese pola cultura. Dende o grupo municipal socialista levamos tempo denunciando este abandono. Ourense non pode permitirse outro verán máis sen cultura, sen alternativas de ocio público e sen apoio aos nosos e ás nosas artistas”, engade ante a pasividade e o menosprezo de DO con respecto a todo aquelo que non inclúa orquestras e charangas.
«A cultura é moito máis que entretemento: é arte, é convivencia, é orgullo de cidade. E o Concello de Ourense está fallando á cidadanía unha vez máis”, remata contundente.

