Concello de Ourense termalismo

Reclamamos que o goberno municipal non faga negocio co termalismo e presente informes que avalen a futura xestión da piscina das Burgas

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO RECLAMAN QUE O GOBERNO DE JÁCOME NON FAGA NEGOCIO CO TERMALISMO E PRESENTE INFORMES TÉCNICOS QUE AVALEN A FUTURA XESTIÓN DA PISCINA DAS BURGAS

Logo do anuncio realizado polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, no que expresaba a intención do seu executivo de optar pola xestión directa, tamén se preguntan “por que agora e non hai dous anos cando remataron as obras, momento no que o propio concelleiro responsable das mesmas afirmou que estaba en condicións de abrir” ao público

Trala da Xunta de Voceiros que o rexedor convocou, sinala a edil socialista María Fernández que, unha vez máis, “non se puxo sobre a mesa ningún tipo de informe, nin de avaliación de impacto económico, nin que reflicta que estas opcións son factibles”

Ourense, 12 de xuño de 2025. As e os socialistas do Concello de Ourense defenden que calquera decisión que se tome sobre a futura apertura da piscina termal de As Burgas debería ir acompañada dos correspondentes informes que avalen o modo de xestión co que se decida comezar a ofrecer o servizo á cidadanía e ao tursimo. E logo do anuncio realizado polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, no que expresaba a intención do seu executivo de optar pola xestión directa, tamén se preguntan “por que agora e non hai dous anos cando remataron as obras, momento no que o propio concelleiro responsable das mesmas afirmou que estaba en condicións de abrir” ao público.

“Por aquel entón dixo que se ía licitar o complexo termal de xeito privado, é dicir privatizando outro servizo público, e agora propón que se tramite unha ordenanza de prezos ou ben se externalice o servizo”, destaca a edil do PSdeG María Fernández Ojea.

Neste senso, e logo da Xunta de Voceiros que o rexedor convocou para expoñer as diferentes opcións ao respecto aos grupos da oposición, sinala a socialista que, unha vez máis, “non se puxo sobre a mesa ningún tipo de informe, nin de avaliación de impacto económico, nin que reflicta que estas opcións son factibles”. E insisten dende o grupo municipal do PSdeG na ausencia de proxecto ou desenvolvemento termal por parte do goberno de DO para Ourense.

A impresión, despois da reunión mantida cos representantes dos grupos da oposición, é de que tras 6 anos co bastón de mando da cidade o alcalde continúa improvisando nun tema fundamental para a terceira cidade de Galicia e que non pode pretender que as formacións políticas se posicionen sen aportar documentos técnicos plausibles que respalden as decisións a tomar sobre o complexo termal.

Advirten, así as cousas, de que se o único que se require é a tramitación dunha ordenanza de prezos para cobrar unha taxa, ou que sexa xestionada a través dunha licitación, se trata dunha decisión que debe adoptar o executivo municipal, con informes técnicos que a respalden. “Dende o Partido Socialista o que esiximos é que se fale de opcións serias, que se presenten en papel e que non fagan negocio co noso termalismo, un dos activos máis importantes dos que dispomos e que estamos a deixar morrer por unha absoluta falta de interese do alcalde e o seu equipo de goberno”, remata subliñando a edil.