AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE INSTAN AO GOBERNO DE JÁCOME A QUE ELABORE UNHA PROGRAMACIÓN PARA QUE TODA A CIDADANÍA POIDA SENTIR E CONMEMORAR O ORGULLO
Ante a pregunta da edil do PSdeG Cristina Cruz para saber se o executivo municipal tiña algunha programación, tanto o alcalde como a edil de Artes e Festexos responderon que sería unha “sorpresa” e que polo momento non estaba “previsto nada”
“A conmemoración do Orgullo non é simplemente un ‘Parade’ nin unha ‘sorpresa’. A cidadanía debe ter, e así o reivindicamos, unha programación co gallo desta data”, incidiu a voceira, Natalia González
Ourense, 13 de xuño de 2025. As e os socialistas do Concello de Ourense consideran incomprensible que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome continúe a infravalorar a importancia de conmemorar o Orgullo LGBTI e visibilizar unha realidade que aínda precisa toda o respaldo posible por parte das institucións para non retroceder nos dereitos acadados.
Ante a pregunta da edil do PSdeG Cristina Cruz no pleno ordinario de xuño para saber se o executivo municipal tiña algunha programación, do mesmo xeito que acontece noutras urbes galegas para esa semana, tanto o alcalde como a edil de Artes e Festexos responderon que sería unha “sorpresa” e que polo momento non estaba “previsto nada”.
Neste senso, a voceira dos e das socialistas no Concello de Ourense, Natalia González, lamenta que non se planifique con tempo unha data que supón a oportunidade de visibilizar diferentes realidades e un recordatorio da loita continua pola igualdade e a dignidade humana para todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero. “A conmemoración do Orgullo non é simplemente un ‘Parade’ nin unha ‘sorpresa’. A cidadanía debe ter, e así o reivindicamos, unha programación co gallo desta data”, incidiu.
A ausencia de actos e actividades para visibilizar ao colectivo LGBTI non é unha excepción este 2025, senón que leva sendo a norma dende que DO colleu o bastón de mando hai seis anos e así o levan denunciando dende o grupo municipal socialista. Instan, nesta liña, ao rexedor e ao seu equipo de goberno a realizar un exercicio de comparación con outras urbes como A Coruña, na que se leva a cabo ata un festival que xira arredor da cultura LGBTI, e a que promova o Día do Orgullo en Ourense.

