concellos Denuncias

O PSOE de Leiro desminte que denunciase ante a CHMS o depósito de area na zona do Misieiro

O PSDEG-PSOE DE LEIRO SAE AO PASO DOS FALSOS RUMORES QUE PRETENDEN CULPAR AOS SOCIALISTAS DE QUE ESTE VERÁN NON SE DEPOSITE AREA NA ZONA DO MISIEIRO, POR UNHA SUPOSTA DENUNCIA PRESENTADA ANTE A CONFEDERACIÓN QUE NON EXISTIU

As e os socialistas subliñan que “non existe nin denuncia, nin escrito algún por parte do PSOE nin ante a Confederación, nin ante ningunha outra administración”

Explican que “durante anos realizáronse vertidos de area sen os permisos necesarios, e quen os facía, sabía perfectamente que eran actuación ao marxe da normativa ambiental”

Para Pedro José González e Manuel Rodríguez “é moi preocupante que ningunha voz da corporación municipal saíse a desmentir os falsos rumores sobre unha suposta denuncia socialista que non existe, e que pode contribuír a que parte da veciñanza lle dea credibilidade”

Leiro, 19 de xuño do 2025. O PSdeG-PSOE de Leiro sae ao paso dos rumores “interesados” das últimas semanas nos que se pretende culpar ás e aos socialistas de que este verán non se deposite area na zona recreativa do Misieiro, e nos que se insinúa que foi por unha suposta denuncia presentada ante a Confederación Hidrográfica. As e os socialistas subliñan que “non existe nin denuncia, nin escrito algún por parte do PSOE nin ante a Confederación, nin ante ningunha outra administración”.

Dende o grupo municipal socialista explican que “durante anos realizáronse vertidos de area sen os permisos necesarios, e quen os facía, sabía perfectamente que eran actuación ao marxe da normativa ambiental”. Neste senso tamén apuntan que “agora que as administracións competentes esixen cumprir coa legalidade, aparecen falsos culpables, cos que só se trata de tapar a irresponsabilidade de quen gobernou sen previsión e saltándose a lei”.

“Resulta curioso que quen agora lanza estas acusacións, a través de redes sociais e supostos voceiros, non o faga oficialmente”, afirman os concelleiros do PSdeG-PSOE, Pedro José González e Manuel Rodríguez, que tamén apuntan que “estamos ante un claro exemplo de lanzar a pedra e agochar a man”. Para os edís socialistas “é moi preocupante que ningunha voz da corporación municipal saíse a desmentir os falsos rumores sobre unha suposta denuncia socialista que non existe, e que pode contribuír a que parte da veciñanza lle dea credibilidade”. Neste senso destacan que o silencio “tamén é unha forma de complicidade, e a responsabilidade institucional esixe claridade e veracidade fronte á mentira”.

“No PSdeG-PSOE de Leiro non temos nada que agochar, xa que non denunciamos, nin fixemos nada en relación á área de Misieiro”, destacan González e Rodríguez, que tamén apuntan que “se hai problemas cos permisos ou coa xestión do río, deben dar a cara os que a causaron, xa que a veciñanza non é parva e sabe da forma de traballar do equipo de goberno municipal”.

As e os socialistas pídenlle á veciñanza que “non se deixe enganar por rumores falsos e sen fundamento; que esixan explicacións reais e documentos, non insinuacións interesadas; e que se recoñeza quen traballa con rigor e quen se agocha ou actúa como escudo do poder”. Dende o PSdeG-PSOE de Leiro poñen de manifesto que “seguiremos traballando con seriedade, fiscalizando o que se fai mal e defendendo o interese público fronte á mentira, á manipulación e o clientelismo”.