concellos INICIATIVAS

O PSOE de Viana busca solucións para licitar o servizo de axuda no fogar

O PSDEG-PSOE DE VIANA ACHEGA SOLUCIÓNS ANTE O PROBLEMA CREADO POLO DESGOBERNO DO PP, QUE LEVA MÁIS DE 3 ANOS CO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR EN PRECARIO

As e os socialistas denuncian que o alcalde se nega a levar a pleno unha modificación de crédito para sacalo a licitación , optando no seu lugar pola “chantaxe” á oposición, alegando que fan falla orzamentos, algo que segundo apuntan “é rotundamente falso”

O grupo municipal socialista en Viana do Bolo vén de presentar un escrito no que require un informe xurídico da secretaria no que se detallen as achegas que fan falla para poder sacar a licitación o servizo de axuda no fogar

Propoñen con detalle que se destinen diferentes importes doutras partidas e se aprobe unha modificación de crédito que permita licitar o SAF, rematando co prexuízo que a situación causa a traballadoras e usuarios e tamén coa folga iniciada recentemente pola inacción do PP

Viana do Bolo, 19 de xuño do 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo segue traballando na procura de solucións ante o problema que está creando o desgoberno do PP en relación ao Servizo de Axuda no Fogar. As e os socialistas denuncian que este servizo leva máis de 3 anos en precario e que o alcalde se nega a levar a pleno unha modificación de crédito para licitalo, optando no seu lugar pola “chantaxe” á oposición, alegando que fan falla orzamentos, algo que segundo apuntan “é rotundamente falso”.

O grupo municipal socialista en Viana do Bolo vén de presentar un escrito no que require un informe xurídico da secretaria no que se detallen as achegas que fan falla para poder sacar a licitación o servizo de axuda no fogar. Lembran que xa o 19 de setembro 2024, presentaron unha moción neste senso e que no pleno do 22 de maio deste ano, preguntaron novamente sobre o asunto, pero sen obter do goberno municipal resposta algunha.

Tal e como detallan dende o PSOE vianés “o imposte total do custe que consta no prego elaborada para a licitación é de 887.476 €”. Os orzamentos atópanse neste momento prorrogados, polo que é necesario crear unha partida orzamentaria por dito importe. Neste punto, as e os socialistas destacan que “crear a partida non quere dicir que se empreguen todos os fondos, xa que dita partida nútrese das achegas da Xunta (413.856 €), da Deputación (32.521 €) e dos usuarios e usuarias (144.198 €), sendo a achega do concello dun importe de 306.990 euros”.

Para a creación de dita partida, dende o grupo municipal socialista volven detallar as achegas das que dispón o concello para a súa creación, tal e como fixeron no último pleno municipal. “Unha partida de 290.000 euros para o SAF dos orzamentos prorrogados, unha partida de 226.900 euros da recollida de lixo e limpeza viaria, segundo consta no informe de secretaría con data 7 de abril de 2025, e unha partida de 60.000 euros do Plan CooperOU destina a este fin”.

Todas estas partidas suman un importe de 576.900 euros, polo que faltarían 310.576 euros para completar o esixido e licitar o servizo. Unha partida que os e as socialistas piden que se destine do remanente de tesourería, que conta nestes momentos cun total de 1.127.000 euros. Neste senso dende o PSOE vianés solicitan que “se apliquen as partidas que detallamos, que están perfectamente habilitadas para este fin e que se poden incorporar vía modificación ou transferencia de crédito, e licitar deste xeito o servizo de axuda no fogar para non prexudicar as e os traballadoras, así coma as e os usuarios, e por fin a folga recentemente iniciada”.

No caso de que aconteza algún problema legal a hora de botar man do remanente para cubrir a partida que falta para a licitación, as e os socialistas propóñenlle ao grupo de goberno que “bote man doutras partidas, entre elas o CooperOU, e en lugar de empregar 60.000 euros, destine vía modificación 150.000”. Dende o PSdeG-PSOE de Viana sinalan que para cubrir o resto “pódese destinar algunha das partidas de festas, orquestras ou obras, e que lle quede claro o alcalde que contará co apoio do PSdeG-PSOE para a aprobar todas as modificacións e transferencias de crédito necesarias para sacar a licitación o SAF”.