Deputación de Ourense MEDIO AMBIENTE POLÍTICA PROVINCIAL

Reclamamos que a Deputación se implique na adopción de solucións contra a contaminación nas Conchas

O GRUPO SOCIALISTA ESIXE QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE SE IMPLIQUE NA ADOPCIÓN DE SOLUCIÓNS URXENTES CONTRA A CONTAMINACIÓN CRÓNICA DO ENCORO DAS CONCHAS

As deputadas e deputados socialistas presentaron in situ unha moción que levarán ao vindeiro pleno da Deputación para atallar unha crise medioambiental e sanitaria que se arrastra desde 2011.

«Isto é tan só a punta do iceberg dunha problemática que afecta a absolutamente todos os concellos da conca do río Limia», denuncia Elvira Lama.

A deputada provincial socialista esixe que a Xunta declare a Limia como zona vulnerable por nitratos e unha moratoria para a apertura de novas explotacións gandeiras intensivas.

As Conchas (Baixa Limia), 25 de xuño do 2025. O Grupo Provincial Socialista na Deputación desprazouse ata o encoro das Conchas para presentar unha moción que esixe «solucións urxentes fronte á contaminación crónica» que padece este espazo natural desde hai máis dunha década. A iniciativa, que se debaterá no vindeiro pleno, denuncia a «vulneración dos dereitos fundamentais da veciñanza» e reclama da corporación provincial un rol proactivo na coordinación dunha «resposta contundente» perante unha crise que acadou «dimensións intolerables».

En compaña de veciñas e veciños afectados, amais doutros compañeiros do Grupo Socialista na Deputación, a deputada provincial Elvira Lama explicou que «estamos aquí nas Conchas para poñer o foco nunha problemática que afecta a este encoro, que non deixa de saír nos medios de comunicación e que non é de onte nin de antonte, senón que ven de décadas atrás». Segundo Lama, «isto é tan só a punta do iceberg dunha problemática que afecta a absolutamente todos os concellos da conca do río Limia».

A contaminación do encoro, que afecta nomeadamente aos municipios de Lobeira, Bande, Lobios, Muíños e Entrimo, produciu a primeira explosión masiva de cianobacterias en 2011, cubrindo a superficie cunha película verde tóxica. Desde entón, a veciñanza convive cada verán cunha situación que imposibilita a vida normal na zona durante os meses de calor, cando as altas temperaturas agravan a proliferación de microorganismos tóxicos.

Segundo un informe do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o encoro presenta até 97 millóns de bacterias «moi perigosas» por litro de auga, unha concentración de cianotoxina que triplica o valor admitido pola Organización Mundial da Saúde para augas de baño. As análises revelan tamén a presenza de bacterias resistentes aos antibióticos e niveis extremadamente elevados de nitratos, que supoñen un factor de risco para distintos tipos de cancro. «Trátase dunhas augas altamente contaminadas e un problema gravísimo de saúde pública como denuncian as asociacións e os veciños, que están moi preocupados!», subliñou Elvira Lama.

Propostas para un plan de acción urxente

A moción socialista esixe que a Deputación de Ourense se solidarice coa demanda xudicial presentada polos veciños, que se resolverá no vindeiro mes de xullo. «Solicitamos á Deputación que se poña do lado da veciñanza das Conchas nas súas demandas polo seu dereito a unha saúde pública, un dereito fundamental que está agora mesmo en mans do Tribunal Superior de Xustiza», explicou Lama.

A iniciativa propón que a corporación poña ao dispor dos concellos afectados «apoio técnico, xurídico e financeiro para establecer sistemas alternativos de abastecemento de auga potable, implementar medidas de protección sanitaria e desenvolver estudos epidemiolóxicos sobre o impacto da contaminación na saúde pública». Tamén propón abrir «unha liña de axudas para compensar os prexuízos da contaminación e apoiar iniciativas de desenvolvemento sustentable como alternativa ao modelo de gandería intensiva».

Os socialistas tamén piden que a Xunta declare a comarca “zona vulnerable por nitratos” e que “poña en marcha unha planta de tratamento de xurros, tal e como prometeu». Os estudos apuntan ás «excesivas aportacións de nitróxeno e fósforo» da gandería estabulada como causa principal da eutrofización do encoro. «A comarca da Limia non aguanta máis explotacións», denunciou Lama, quen criticou que a Xunta teña outorgado autorizacións «de forma permisiva, malia coñecer o impacto que a gandería industrial exerce sobre a comarca».

Xa por último, a moción tamén interpela ao Estado, reclamando do Ministerio de Transición Ecolóxica a posta en marcha dun plan de descontaminación, que contemple un orzamento específico, un cronograma e medidas de control rigoroso sobre vertidos de xurros e residuos agrogandeiros.