O PSDEG-PSOE DE OURENSE LEVARÁ AO PARLAMENTO DE GALICIA A “GRAVÍSIMA” SITUACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DE LOBIOS, QUE NON CONTA CUNHA CONSULTA PARA QUE O NOVO MÉDICO POIDA EXERCER
As e os socialistas denuncian que tras dous anos agardando e reclamando a reposición dunha segunda praza de facultativo, “agora cando se anuncia, atopámonos que a inacción da Xunta e do concello non lle permitirá ao novo médico realizar as súas tarefas”
Carmen Rodríguez Dacosta vén de rexistrar unha batería de iniciativas na que insta á Xunta a que informe con detalle sobre a reorganización prevista do espazo físico no centro de saúde de Lobios
Reclama que se “estableza e comunique un calendario concreto para a incorporación efectiva do novo profesional médico, garantindo que se realice antes do pico de incremento de poboación durante o verán”
Lobios, 26 de xuño do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao Parlamento de Galicia a “gravísima” situación do centro de saúde de Lobios, que non conta a día de hoxe cunha consulta para que o novo médico que se incorporará en próximas datas poida realizar as súas funcións. As e os socialistas denuncian que tras dous anos agardando e reclamando a reposición dunha segunda praza de facultativo, “agora cando se anuncia, atopámonos que a inacción da Xunta e do concello non lle permitirá ao novo médico realizar as súas tarefas”.
A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de rexistrar unha batería de iniciativas na que insta á Xunta a que informe con detalle sobre a reorganización prevista do espazo físico no centro de saúde de Lobios. “O obxectivo é que sexa viable a incorporación do segundo facultativo, garantindo as condicións adecuadas para o exercicio da actividade asistencial”, destaca a parlamentaria socialista. Neste senso tamén reclama que se “estableza e comunique un calendario concreto para a incorporación efectiva do novo profesional médico, garantindo que se realice antes do pico de incremento de poboación durante o verán”.
“A día de hoxe o novo médico non se incorporou, nin hai visos de que o faga, por mor de que non dispón de consulta, nin do material necesario para facer as súas labores, cando o persoal do centro xa reclamou fai semanas que se montaxe un box, pero nada se fixo”, denuncia a representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia.
Asemade, a deputada autonómica tamén vén de presentar unha batería de preguntas para que o goberno galego explique e aclare a situación. Nas mesmas cuestiona cal será a data concreta prevista para a incorporación do facultativo, que medidas está adoptando o Sergas para reorganizar o espazo asistencial do centro de saúde de Lobios e posibilitar a actividade simultánea de dúas médicas e dúas enfermeiras, e se a Xunta pensa acometer algunha actuación de mellora ou ampliación das instalacións para garantir as condicións mínimas de traballo e de atención á cidadanía.
Carmen Rodríguez Dacosta lembra que o centro de saúde de Lobios “leva dende finais de 2023 nunha situación de precariedade asistencia, provocando unha sobrecarga de traballo” e sinala que “esta situación xa foi denunciada polo grupo parlamentario socialista como un colapso asistencial, que se agrava tendo en conta que Lobios conta cunha poboación envellecida, como acontece na maioría dos municipios da provincia de Ourense”. Tamén destaca que “ante o incremento estacional da poboación durante os meses de verán, resulta urxente que a Xunta aclare como vai reorganizar os recursos e o espazo dispoñible no centro de saúde”.

