Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos que a Deputación aporte solucións urxentes contra a contaminación crónica do encoro das Conchas

O PLENO DA DEPUTACIÓN APROBA POR UNANIMIDADE A INICIATIVA SOCIALISTA A PROL DE SOLUCIÓNS URXENTES CONTRA A CONTAMINACIÓN CRÓNICA DO ENCORO DAS CONCHAS

A iniciativa esixe solidariedade institucional coa demanda veciñal presentada diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e reclama medidas contundentes ás administracións competentes.

Apróbanse tamén as emendas do BNG que inclúen a responsabilidade da empresa concesionaria no coidado do encoro e a aplicación do Plan Estratéxico da Limia consensuado con todos os actores.

«É un paso importante que toda a corporación provincial se poña do lado da veciñanza fronte a unha situación límite que vulnera os dereitos fundamentais», valora a deputada socialista Elvira Lama.

Ourense, 27 de xuño do 2025. O pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres por unanimidade a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para esixir «solucións urxentes fronte á contaminación crónica do encoro das Conchas e garantir os dereitos fundamentais da veciñanza». A iniciativa, defendida pola deputada socialista Elvira Lama, contou co apoio de todos os grupos políticos e incorporou emendas do BNG que reforzaron as propostas dirixidas cara as distintas administracións competentes.

Os socialistas puxeron o acento nunha crise medioambiental e sanitaria que se arrastra desde 2011, cando se produciu a primeira explosión masiva de cianobacterias que cubriu a superficie do encoro cunha película verde tóxica. Segundo informes do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o encoro presenta até 97 millóns de bacterias «moi perigosas» por litro de auga, unha concentración de cianotoxina que triplica o valor admitido pola Organización Mundial da Saúde para augas de baño. «Estamos a falar dunhas augas altamente contaminadas que representan un problema gravísimo de saúde pública para toda a veciñanza», subliñou Elvira Lama durante a defensa da iniciativa.

Unha das enmendas do BNG matizou que a declaración da Limia como zona vulnerable por nitratos debe realizarse «unha vez se elabore o informe xeral por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) que están negociando coas comunidades autónomas», procedendo á posta en marcha das medidas contempladas no Plan Estratéxico da Limia. Doutra banda, os nacionalistas chamaron a que as administracións competentes apliquen as normativas precisas para que a empresa concesionaria se responsabilice do coidado do encoro, garantindo a súa salubridade.

Acordo unánime da corporación provincial

A iniciativa socialista inclúe seis propostas de acordo dirixidas a distintas administracións. En primeiro lugar, a Deputación comprométese a solidarizarse coa demanda presentada polos veciños ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se resolverá no vindeiro mes de xullo. Ademais, porá ao dispor dos cinco concellos afectados (Bande, Muíños, Lobeira, Lobios e Entrimo) apoio técnico, xurídico e financeiro para establecer sistemas alternativos de abastecemento de auga potable e desenvolver estudos epidemiolóxicos sobre o impacto da contaminación na saúde pública.

Respecto á Xunta de Galicia, a iniciativa esixe que proceda a declarar a Limia como zona vulnerable por nitratos e suspenda cautelarmente a autorización de novas explotacións gandeiras intensivas na comarca. Tamén demanda a construción dunha planta de tratamento de xurros, tal como está recollido no Plan Estratéxico da Limia que a Xunta encomendou á Fundación Juana de Vega no ano 2020. «A Deputación non pode manterse á marxe dunha situación que vulnera os dereitos fundamentais de cinco municipios da provincia», declarou Lama. Ao MITECO esíxeselle elaborar e executar un Plan de Emerxencia de Descontaminación do encoro cun cronograma, orzamento específico e medidas rigorosas de control de vertidos agrogandeiros.

A corporación provincial establecerá tamén unha liña de axudas específica, dotada con recursos suficientes, para compensar os prexuízos económicos causados pola contaminación e apoiar iniciativas de desenvolvemento rural sustentable nos concellos afectados como alternativa ao modelo de gandería intensiva actual. Por último, trasladará estas propostas ao Parlamento de Galicia, ao Congreso dos Deputados, á Comisión Europea e a todas as administracións competentes, esixindo a aplicación do principio de precaución e a adopción de medidas cautelares para protexer a saúde pública.