Concello de Ourense deportes PSdeG

Esixiremos un compromiso da Xunta, a Deputación e o Concello para a construción dun pavillón de ximnasia

O GRUPO MUNICIPAL DO PSDEG ESIXIRÁ UN COMPROMISO DA XUNTA, A DEPUTACIÓN E O CONCELLO PARA A CONSTRUCIÓN DUN PAVILLÓN MULTIUSOS PARA A PRÁCTICA DA XIMNASIA NAS SÚAS DIFERENTES DISCIPLINAS

“En febreiro de 2014, hai 11 anos, o entón delegado territorial do executivo galego en Ourense anunciaba que a finca Mariñamansa contaría cun polideportivo que se convertiría en referente para a ximnasia en toda Galicia, e recoñecía, así mesmo, que xa daquelas non existía un lugar axeitado para o desenvolvemento de campionatos e adestramentos deste deporte na capital”, recorda a portavoz, Natalia González

“O pasado ano 2024, no mes de xuño, o actual alcalde e o edil de Deportes anunciaban públicamente que o Concello de Ourense tiña previsto a construción do novo pavillón deportivo para a práctica da ximnasia na cidade, anuncio sen concreción algunha e sen demandar ata aquela data ningún tipo de colaboración por parte doutras administracións”, engade

Ourense, 30 de xuño de 2025. “Ourense é terra de ximnasia e de grandísimos e grandísimas ximnastas, adestradores e adestradoras e clubs, que dende hai case medio século escribiron a súa historia a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional dende a cidade de As Burgas”, comeza argumentando a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González, sobre a moción que defenderá no vindeiro pleno ordinario de xullo.  

Na iniciativa, a través da que se insta á Xunta de Galicia, ao Concello de Ourense e á Deputación Provincial a adquirir un compromiso institucional para impulsar conxuntamente a construción definitiva dun novo pavillón multiusos de ximnasia, quedan patente as promesas incumpridas por parte das distintas administracións dende hai anos para dotar aos e ás deportistas cunhas instalacións axeitadas ás súas necesidades de desenvolvemento.

“En febreiro de 2014, hai 11 anos, o entón delegado territorial do executivo galego en Ourense anunciaba que a finca Mariñamansa contaría cun polideportivo que se convertiría en referente para a ximnasia en toda Galicia, e recoñecía, así mesmo, que xa daquelas non existía un lugar axeitado para o desenvolvemento de campionatos e adestramentos deste deporte na capital”, recorda a portavoz subliñando que o proxecto se anunciou comprometendo un orzamento estimado de tres millóns de euros que en nada quedou.

“O pasado ano 2024, no mes de xuño, o actual alcalde e o edil de Deportes anunciaban públicamente que o Concello de Ourense tiña previsto a construción do novo pavillón deportivo para a práctica da ximnasia na cidade, anuncio sen concreción algunha e sen demandar ata aquela data ningún tipo de colaboración por parte doutras administracións”, sinala a socialista.

Así as cousas, dende o grupo municipal do PSdeG, ante a parálise evidente do proxecto, as necesidades urxentes das e dos deportistas e os clubs desta disciplina para adestrar e competir nunhas instalacións dignas,  e a falta de concreción e vontade política nalgún caso para que haxa unha aposta definitiva que materialice esta demanda histórica e que constitúe outra promesa incumprida dende fai máis dunha década por parte da Xunta en Ourense; instamos ao goberno autonómico a contemplar nos Orzamentos 2025 unha consignación orzamentaria suficiente para as obras de construción deste novo polideportivo. Proposta que foi rexeitada polo Partido Popular. “Volvemos a insistir para que as tres administracións se poñan de acordo e acaden un compromiso institucional para impulsar, conxuntamente, a construción definitiva dun novo pavillón multiusos”, remata contundente.