O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESIXIRÁ Á XUNTA DE GALICIA SOLUCIÓNS “URXENTES” ANTE A CONTAMINACIÓN CRÓNICA DO ENCORO DAS CONCHAS E QUE SE DECLARE COMO ZONA VULNERABLE
A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar unha batería de iniciativas e preguntas para que o goberno autonómico dea conta dos pasos dados en relación a contaminación do encoro das Conchas
Denuncia a «vulneración dos dereitos fundamentais da veciñanza” e reclama do goberno galego “unha resposta contundente ante unha crise que acadou dimensións intolerables e que se converteu nun grave problema de saúde pública
Ourense, 2 de xullo do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao Parlamento de Galicia a “gravísima” situación de contaminación crónica que vive o embalse das Conchas e que afecta a varios concellos da Baixa Limia. As e os socialistas reclaman solucións “urxentes” ante a situación que padece este espazo natural dende hai máis dunha década e pídenlle a Xunta que “proceda a declarar esta área como zona vulnerable, tal e como ben recollido no Real Decreto 47/2022.
A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar unha batería de iniciativas e preguntas para que o goberno autonómico dea conta dos pasos dados en relación a contaminación do encoro das Conchas. A representante do PSdeG-PSOE de Ourense na cámara galega denuncia a ·vulneración dos dereitos fundamentais da veciñanza” e reclama do goberno galego “unha resposta contundente ante unha crise que acadou dimensións intolerables e que se converteu nun grave problema de saúde pública”.
“Consideramos primordial que o goberno presidido por Alfonso Rueda tome medidas urxentes ante a presenza de toxinas moi perigosas para a saúde no encoro das Conchas”, explica Rodríguez Dacosta, quen tamén se pregunta se a Xunta “realizou un estudo epidemiolóxico nas comarcas da Limia e da Baixa Limia para coñecer a posible relación entra a cantidade de nitratos presentes nas augas e os distintos tipos de tumores que afectan aos habitantes das comarcas”. Asemade a parlamentaria socialista tamén cuestiona “por que dende o ano 2022 o goberno galego non procedeu a declarar a Limia e a Baixa Limia como zona vulnerable”.
Dende o PSOE ourensán lembrar que as conclusións dos investigadores do CSIC de Santiago, Granada e da Universidade Complutense sobre o encoro das conchas alertan de que “hai entre 32.400 e 97.200 bacterias moi perigosas por cada mililitro de auga”. Bacterias que tal e como sinalan nos informes científicos “permanecen na auga do encoro durante todo o ano, provocando unha contaminación da conca do río Limia, que afecta xa a outros puntos das Conchas, xa que auga segue o seu curso cara Portugal”.
“A biodiversidade do encoro está gravemente prexudicada a causa da presenza de toxinas moi perigosas para a saúde e a biodiversidade”, alerta Rodríguez Dacosta. A deputada socialista lembra que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil realizou controis exhaustivos e múltiples traballos de investigación que concluíron que a presenza de nutrientes que provoca a contaminación “é consecuencia do uso de fertilizantes e da xestión de xurros na comarca da Limia”. Asemade, tamén pon o foco en que o Goberno do Estado “fixo o seu traballo cando a dirección xeral de auga da MITECO incluíu o encoro no mapa de afectado pola contaminación difusa”, pero tal e como apunta “agora tócalle a Xunta, órgano competente, designar esta área como zona vulnerable, aplicando códigos de boas prácticas agrarias e programas de actuación co obxectivo de previr e reducir a situación causada polos nitratos de orixe agrario”.
Por último, dende o PSdeG-PSOE de Ourense amosan a “fonda preocupación por este problema de saúde pública que afecta á veciñanza” e que tal e como explican “provocou que xa se declarase o nivel 3 de alerta e se prohibise o baño e o uso recreativo do encoro, por mor da contaminación”.
A contaminación do encoro, que afecta nomeadamente aos municipios de Lobeira, Bande, Lobios, Muíños e Entrimo, produciu a primeira explosión masiva de cianobacterias en 2011, cubrindo a superficie cunha película verde tóxica. Desde entón, a veciñanza convive cada verán cunha situación que imposibilita a vida normal na zona durante os meses de calor, cando as altas temperaturas agravan a proliferación de microorganismos tóxicos.

