O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA CONSEGUIU QUE SE APROBASE A SÚA MOCIÓN PARA A CONSTRUCIÓN DUN NOVO PAVILLÓN DE XIMNASIA
Tamén conseguiron que se aprobase a sú iniciativa para elaborar e execitar un proxecto de acondicionamento do emblemático parque da Alameda de A Ponte
“Estamos ante un refuxio climático de referencia na nosa cidade e por iso o grupo municipal socialista pide que se melloren as súas condicións para a veciñanza”, propuxo a voceira, Natalia González
Ourense, 4 de xullo de 2025. O grupo municipal socialista vén de acadar o apoio no Pleno, pese ao voto en contra do PP, para que se aprobe a súa iniciativa para instar á Xunta de Galicia, ao Concello de Ourense e á Deputación Provincial a adquirir un compromiso institucional para impulsar conxuntamente a construción definitiva dun novo pavillón multiusos de ximnasia adaptado ás necesidades de todas as disciplinas.
“En febreiro de 2014, hai 11 anos, o entón delegado territorial do executivo galego en Ourense anunciaba que a finca Mariñamansa contaría cun polideportivo que se convertiría en referente para a ximnasia en toda Galicia, e recoñecía, así mesmo, que xa daquelas non existía un lugar axeitado para o desenvolvemento de campionatos e adestramentos deste deporte na capital”, lembrou a portavoz do PSdeG na Administración local, Natalia González, subliñando que o proxecto se anunciou comprometendo un orzamento estimado de tres millóns de euros que en nada quedou.
Nesta liña, tamén recordou que, unha década despois, en xuño de 2024, o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o edil de Deportes, Aníbal Pereira, anunciaban públicamente que o Concello de Ourense tiña previsto a construción desta infraestrutura deportiva para a práctica da ximnasia, anuncio sen concreción algunha e sen demandar ata aquela data ningún tipo de colaboración por parte doutras administracións. “Ademais, o PP rexeitou a nosa proposta para incluír, nos Orzamentos da Xunta, unha partida para elo”, espetou.
“Ourense é terra de ximnasia e de grandísimos e grandísimas ximnastas, adestradores e adestradoras e clubs, que dende hai case medio século escribiron a súa historia a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional dende a cidade de As Burgas. E merecen un lugar no que poder adestrar en dignas condicións”, reclamou.
Ademais, as e os socialistas do Concello de Ourense conseguiron que se aprobase a súa iniciativa para que se elabore e execute un proxecto de remodelación integral do parque da Alameda de A Ponte e unha partida nos Orzamentos 2025 destinada a tal fin.
«Hai case 57 anos, o 18 de xullo de 1968 inaugurábase este espazo entre a Avenida de Santiago, a Avenida das Caldas, a rúa Vicente Risco e Francisca Herrera. O novo parque nacía do aproveitamento do solar que anteriormente ocupaba a segunda estación ferroviaria do Concello de Canedo e que naquel momento levaba anos sen uso. Actualmente, o seu estado de abandono resulta evidente a simple vista», enumerou e lamentou a portavoz.
“Estamos ante un refuxio climático de referencia na nosa cidade e por iso o grupo municipal socialista pide que se melloren as súas condicións para a veciñanza”, propuxo.
Entenden as e os socialistas que despois de preto de seis décadas dende a súa inauguración, os xogos infantís atópanse moi deteriorados, a meirande parte das papeleiras están rotas, a proliferación de maleza en certas zonas excede as condicións óptimas de salubridade, a fonte presenta unha imaxe de suciedade e o sen funcionamento e entorno vese cheo de pintadas e descoidado.
“Hai que felicitar ao executivo porque estamos ante a parte resolutiva dun pleno máis densa dos últimos 6 anos. O que non significa que lles dera agora por traballar, senón que significa que de repente saen do caixón cousas que xa estaban en marcha e foron paralizadas por vostedes durante todo este tempo”, comezou relatando a voceira durante o debate da ordenanza de ruídos. “E a nosa postura segue sendo a mesma que durante os últimos catro anos, nos que reiteramos que debía abordarse conxunta e transversalmente a outra de veladores e outra para paliar o botellón. Pero o único que abordan transversalmente é como pactar co PP para sacar o que lles interesa adiante. Independentemente das 14 emendas que presentamos ao proxecto, cremos que debería existir unha estratexia municipal para o control da contaminación acústica na cidade”, incidiu alegando que de nada sirve poñer en marcha unha ordenanza se non hai medios humanos e materiais suficientes para que se cumpran e considerando que por este motivo o voto dos e das socialistas tiña que ser o de a abstención.
Por outra banda, as e os socialistas votaron en contra da ordenanza de veladores, que saíu aprobada grazas ao apoio do PP ao goberno de DO, tal e como explicou o edil do PSdeG José Ángel Vázquez Barquero por considerar que, logo de dous anos, non houbo avances significativos no texto e o equipo do executivo municipal non realizou o máis mínimo esforzo por chegar a acordos coas partes afectadas e os grupos da oposición. “En setembro de 2023 –lembrando a primeira vez que foi levada ao pleno a ordenanza– estaba moi verde e hoxe parece que xa madurou”, ironizou.
Tamén se debateu, na sesión plenaria ordinaria desta mañá, a ordenanza para a implantación do Zona de Baixas Emisións que debería estar en funcionamento dende xaneiro de 2024 e ante a que o grupo se abstivo na votación. “Andan máis preocupados de sacar as cousas adiante como sexa que de garantir dereitos democráticos. E interpretaron o prazo como lles deu a gana, non sabemos se porque non lles interesaba ler as nosas propostas ou porque lles resultaban difíciles de rexeitar”, expuxo a edil do PSdeG Alba Iglesias advertindo as contrariedades do goberno que elaborou o texto e presentou emendas ao seu propio proxecto. “Cremos que Ourense merece ter a mellor ZBE de Galicia e se queremos unha cidade viva é preciso recuperar o espazo público para os peóns”, engadiu sobre as aportacións dos e das socialistas que resultaron rexeitadas.





