O PSDEG-PSOE DE LEIRO PRESENTA UN RECURSO DE REPOSICIÓN PARA SOLICITAR A NULIDADE DOS ACORDOS ADOPTADOS EN XUNTA DE GOBERNO LOCAL, TRAS APRECIAR IRREGULARIDADES
As e os socialistas denuncian no seu escrito a “participación irregular” de dous concelleiros do PP na mesma, cando non foron nomeados de xeito formal en ningún momento para poder estar presentes nas xuntas
Manuel Rodríguez e Pedro José González subliñan que “estábamos presentes fora do salón de plenos, namentres se celebrou a xunta de goberno, e comprobamos de primeira man que ambos concelleiros se atopaban participando na mesma, xa que a porta estaba aberta”
Acusan ao alcalde do PP de “mentir descaradamente”, cando afirmou que estes concelleiros se atopaban noutra sala, algo que tal e como apuntan “é rotundamente falso, pois non existe sala algunha e puidemos velos nós mesmos porque a porta estaba entre aberta”
Leiro, 4 de xullo do 2025. O PSdeG-PSOE de Leiro vén de presentar un recurso de reposición ante o concello para solicitar a nulidade dos acordos adoptados pola xunta de goberno local celebrada o pasado 16 de maio. As e os socialistas denuncian no seu escrito a “participación irregular” de dous concelleiros do PP na mesma, cando non foron nomeados de xeito formal en ningún momento para poder estar presentes nas xuntas de goberno.
Dende o grupo municipal socialista tamén denuncian as “falsidades” expostas polo alcalde no pleno do pasado 30 de xuño en relación á presencia destes concelleiros na xunta de goberno. Segundo explican os concelleiros socialistas, Manuel Rodríguez Vázquez e Pedro José González González, “o alcalde asegurou en sesión plenaria que os concelleiros estaban noutro despacho, algo que é totalmente imposible, posto que o salón de plenos, onde se celebrou a xunta de goberno, só conta cun aseo e unha porta que da acceso do salón ao despacho de secretaría”.
Tal e como subliñan os edís socialistas “estábamos presentes fora do salón de plenos, namentres se celebrou a xunta de goberno, e comprobamos de primeira man que ambos concelleiros se atopaban participando na mesma, xa que a porta estaba aberta”. Neste senso, Rodríguez e González sinalan que “francamente, non pensamos que os dous concelleiros estivesen dentro do aseo”, xa que tal e como apuntan “vímolos perfectamente” e consideran esta afirmación do alcalde “un intento de xustificar unha irregularidade evidente”.
O PSdeG-PSOE de Leiro lembra que a participación de concelleiros sen nomear nas xuntas de goberno “vulnera a legalidade e invalida os acordos adoptados na mesma”. As e os socialistas anuncian que defenderán, “ata as últimas consecuencias”, o respecto á lei, a transparencia e o bo funcionamento das institucións”.
“En Leiro non todo vale, por moito que queira o alcalde”, denuncian os concelleiros socialistas, antes de concluír afirmando que “queremos un concello que respecte a legalidade e traballaremos para que se depuren responsabilidades”.

