concellos Denuncias

O PSOE de Viana lamenta que o PP sacase adiante uns orzamentos sen consensuar e que non representan os intereses da vila

O PSOE DE VIANA DENUNCIA QUE A AUSENCIA DUN CONCELLEIRO DO OUTRO GRUPO DA OPOSICIÓN AO PLENO EXTRAORDINARIO DESTE MARTES PERMITIULLE AO PP SACAR ADIANTE UNS ORZAMENTOS SEN CONSENSUAR E QUE NON REPRESENTAN OS INTERESES DA VILA

As e os socialistas sinalan que “estamos ante as mesmas contas que foron rexeitadas 2024 e este mesmo ano 2025, por conter verdadeiras contradicións e ocultación de partidas”

En relación a ausencia do concelleiro que se atopaba de viaxe para visitar á familia dentro da Península, o PSdeG-PSOE vianés pon de manifesto que “nós non entramos a valorar nin a xulgar as intencións, pero constatamos os feitos, e a realidade é que esta ausencia era evitable, pois a comunicación do pleno foi realizada antes de emprender dita viaxe”

Destacan que a principal noticia positiva do pleno no que se aprobaron os orzamentos “é que o alcalde xa non ten escusa para poder licitar o servizo de axuda no fogar, que leva máis de tres anos en precario”

As e os socialistas agardan que “agora, por fin, se licite o servizo, que os usuarios e usuarias non se vexan prexudicados e que os traballadores e traballadoras acaden os dereitos laborais que lles corresponden”

Viana do Bolo, 10 de xullo do 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia que a ausencia dun concelleiro do outro grupo da oposición, ao pleno extraordinario convocado polo equipo de goberno o pasado martes, permitiulle ao Partido Popular sacar adiante uns orzamentos sen consensuar coa oposición e que conteñen unhas contas que “non representan para nada os intereses de Viana. As e os socialistas sinalan que “estamos ante as mesmas contas que foron rexeitadas en 2024 e este mesmo ano en 2025, por conter verdadeiras contradicións e ocultación de partidas”.

O pleno extraordinario celebrado en Viana do Bolo este pasado martes ás 12:00 horas do mediodía é, en palabras do grupo municipal socialista, “o vivo exemplo de que o alcalde non ten ningunha intención de sentarse coa oposición a negociar as contas”. Neste senso, as e os socialistas argumentan que o pleno “foi convocado en horas laborais, coa clara intención de buscar a ausencia dalgún concelleiro para poder sacar adiante os orzamentos”.

En relación aos orzamentos, aprobados en solitario polo PP, as e os socialistas vianeses sinalan que “estamos ante un copia e pega das contas que xa presentaron en 2024 e este mesmo ano en 2025, e que foron rexeitadas pola oposición”. Entre ditas partidas inclúese unha de 80.000 euros para a celebración das festa de Viana, cando segundo apuntan dende o PSOE “xa lle recriminamos no seu día ese despilfarro, posto que só se recaudan 4.000 euros, porque o alcalde se nega a crear unha comisión de festas que recolla cartos para a celebración entre negocios, hostelería e veciñanza e gasta 40.000 euros na actuación dunha orquestra durante tres horas”. Asemade tamén apuntan que os orzamentos “conteñen partidas irrealizables, posto que se empregan para tapar buratos”.

En relación a ausencia do concelleiro do outro grupo da oposición, xubilado, e que se atopaba de viaxe para visitar á familia dentro da Península, o PSdeG-PSOE vianés pon de manifesto que “nós non entramos a valorar nin a xulgar as intencións, pero constatamos os feitos, e a realidade é que esta ausencia era evitable, pois a comunicación do pleno foi realizada antes de emprender dita viaxe”. As e os socialistas poñen de exemplo que un concelleiro do PSOE que traballa en Lugo “a pesar da hora da convocatoria do pleno, solicitou permiso no traballo, presentouse na sesión e logo regresou a Lugo porque é consecuente co compromiso adquirido cando se presentou na lista para defender os intereses da veciñanza”.

As e os socialistas lamentan que a ausencia deste concelleiro “sírvalle ao alcalde e ao equipo de goberno do Partido Popular como un cheque en branco, co que esgotar a lexislatura, cuns orzamentos que agora prorrogarán nos vindeiros exercicios”. Tamén destacan que esta ausencia “era evitable” e poñen de manifesto que “comprendemos que todo o mundo ten dereito a desprazarse a onde sexa, posto que non vivimos da política, pero adquirimos un compromiso coa cidadanía e temos que sacrificarnos cando corresponde”.

Ledicia polo servizo de axuda no fogar

O PSdeG-PSOE de Viana destaca que a principal noticia positiva do pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos “é que o alcalde xa non ten escusa para poder licitar o servizo de axuda no fogar, que leva máis de tres anos en precario”. Lembran que o rexedor popular, Andrés Montesinos, “sempre se escudou en que sen orzamentos non se podía licitar o servizo, algo que era rotundamente falso como lle demostramos dende o noso grupo municipal, artellando partidas para poder licitalo vía modificación de crédito”.

As e os socialistas agardan que “agora, por fin, se licite o servizo, que os usuarios e usuarias non se vexan prexudicados e que os traballadores e traballadoras acaden os dereitos laborais que lles corresponden”. Lamentan, iso si, que o equipo de goberno “non aceptase a proposta socialista para crear a partida que permitira a licitación, o que provocou que os traballadores e as traballadoras do SAF tivesen que ir a folga e crear un grave prexuízo á cidadanía”.