O PSDEG-PSOE DE OURENSE REÚNESE CO CONSELLO REGULADOR DA DENOMINACIÓN DE ORIXE MONTERREI PARA ESCOITAR AS SÚAS NECESIDADES E IMPULSAR PROXECTOS ESTRATÉXICOS DE FUTURO
O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario provincial de Medio Rural, Francisco López González, reuníronse co xerente e o director técnico da DO de Monterrei, Gonzalo Losada Lorenzo e Luis Miguel López Núñez, respectivamente
A reunión, que a representación socialista cualifica como “unha frutuosa xornada de traballo”, promoveu un intercambio de información que amosou as tendencias relevantes nesta denominación de orixe
Un encontro que serviu tamén para pór en valor a necesidade de seguir realizando cursos de formación no Centro Nacional de Capacitación Agraria, impulsar axudas para a promoción nacional e internacional dos viños e a innovación tecnolóxica, como ferramentas útiles para aumentar a competitividade do sector vitivinícola da DO Monterrei
Verín, 11 de xullo do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coa súa rolda de contactos co sector vitivinícola da provincia para escoitar as necesidades e os proxectos axeitados para impulsar cada Denominación de Orixe, dun sector que consideran “clave e estratéxico” na economía da provincia. Tralo encontro coa Denominación de Orixe do Ribeiro, os socialistas desprazáronse ata Verín para manter un encontro co Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei.
O senador do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro socialista na comisión de Agricultura, Gandería e Alimentación no Senado, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario de medio rural da Executiva Provincial, Francisco López González, reuníronse co xerente e o director técnico da DO de Monterrei, Gonzalo Losada Lorenzo e Luis Miguel López Núñez, respectivamente.
A reunión, que a representación socialista cualifica como “unha frutuosa xornada de traballo”, promoveu un intercambio de información que amosou as tendencias relevantes nesta denominación de orixe. No encontro analizáronse os datos de 2020 a 2024, constatándose que Monterrei medra de modo continuado en superficie e quilos de uva colleitados, aumentando un 20,93% as hectáreas e nun 25,78% os quilos producidos. As adegas tiveron tamén unha alza, pasando de 27 a 29.



“Existe unha inquietude co avellentamento, a perda poboacional e a consecuente redución do número de viticultores, que está sendo compensada coa mecanización do cultivo, pero que pode deixar de ser así nun futuro próximo”, afirma o senador do PSdeG-PSOE Rafael Rodríguez Villarino. O representante do socialismo ourensán na cámara alta sinalou que “algúns dos asuntos que se trataron foron os efectos directos e indirectos dos aranceis de Trump, o consumo decrecente de viño tinto, a flavescencia dourada e outras pragas do viño, que xeran preocupación entre o sector”.
Un encontro que serviu tamén para pór en valor a necesidade de seguir realizando cursos de formación no Centro Nacional de Capacitación Agraria (CENCA), impulsar axudas para a promoción nacional e internacional dos viños e a innovación tecnolóxica, como ferramentas útiles para aumentar a competitividade do sector vitivinícola da DO Monterrei.
A representación do PSdeG-PSOE de Ourense e a do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei decidiron abrir unha canle de contacto continuada, emprazándose, asemade, para novos encontros, tanto entre si como coas restantes DO provincias e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O senador e o secretario provincial de medio rural socialistas reuniranse en vindeiras datas coas restantes DO da nosa terra.

