Concello de Ourense ORZAMENTOS ourense

O pacto entre PP e DO para aprobar o Orzamento constata o goberno en bipartito

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE SINALAN QUE O PACTO ENTRE PP E DO PARA APROBAR OS ORZAMENTOS CONSTATA O BIPARTITO E LAMENTAN QUE DEIXE FÓRA ÁREAS COMO VIVENDA OU IGUALDADE

A nós estes orzamentos continúan sen valernos”, advirte contundente a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González

O que non deixa de sorprendernos é que o Partido Popular leve a cabo este acto de hipocrisía política, que engane a veciñanza para vender fume, a costa dos cartos de todas e todos”, engade

Ourense, 11 de xullo de 2025. “O respaldo do PP aos orzamentos de Gonzalo Pérez Jácome non é unha sorpresa para nós. Levamos meses denunciando que este pacto xa tiña as cartas marcadas hai meses. O que non deixa de sorprendernos é que o Partido Popular leve a cabo este acto de hipocrisía política, que engane a veciñanza para vender fume, a costa dos cartos de todas e todos”, comeza sopesando a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez, logo de anunciar os populares que avalarán o proxecto de DO a cambio de que introduza algunhas modificacións propostas por eles.

Neste senso, incide a socialista en que o pacto PP-DO continúa deixando fóra do horizonte asuntos urxentes e claves para a cidadanía e o futuro de Ourense como son a Vivenda, a Igualdade, Termalismo e outras moitas materias que non se recollen neses orzamentos. “Onde queda, por exemplo, o papel que debe xogar a mocidade? A nós estes orzamentos continúan sen valernos”, explica contundente a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista insisten na necesidade de que se acepten as propostas presentadas en forma de emendas “que si mellorarían o orzamento para 2025 e suporían un cambio significativo para os intereses reais das persoas”.

“Lamentamos que o PP sexa útil, unicamente, para apuntalar a Gonzalo Pérez Jácome ata final de mandato e que siga a simular o estrano caso do doctor Jekyll e míster Hyde, mentres por un lado apoia ao alcalde e despois é quen de criticalo cando as promesas que afirma conseguir non se executan”, remata lamentando .