Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Os fitos do PP na Deputación son iniciativas socialistas

O PSdeG-PSOE celebra que os fitos do balance de mandato do PP son iniciativas socialistas: CooperOu, xestión de Meisa, plan de vivenda, transporte metropolitano e cofinanciamento dos conservatorios”.

Ourense, 16 de xullo de 2025. Con relación ao balance feito polo grupo de goberno do PP sobre os dous primeiros anos de mandato, «os principais fitos destacados por Menor son iniciativas socialistas que nós defendemos desde hai anos e que foron obxecto de mocións e propostas levadas ao pleno da Deputación». Vila afirmou que «o Plan CooperOu de financiamento xusto e equitativo dos concellos, a mellora da xestión de Meisa, o plan de vivenda, o transporte metropolitano ou o cofinanciamento dos conservatorios son propostas que o PSdeG ten impulsado de forma constante na institución provincial».

O voceiro socialista lembrou como xa en setembro de 2023 o seu Grupo presentou un borrador do Plan CooperOU, que serviu de base para o proxecto que se aprobou, e como en marzo de 2025 presentaron unha moción para avanzar cara a mellora dos mecanismos de financiamento dos concellos da provincia.

No que atinxe á xestión de Meisa, «en marzo de 2024 presentamos unha moción para instar á Deputación a avanzar cara unha xestión profesional da Estación de Montaña de Manzaneda». Sobre o transporte metropolitano, «tamén en marzo de 2024, a través dunha iniciativa esiximos poñer en marcha no curto prazo o transporte metropolitano de viaxeiros na comarca de Ourense, que se conforma coma unha histórica reivindicación socialista».

Sobre o cofinanciamento dos conservatorios, «en abril de 2024 presentamos unha moción sobre o financiamento dos conservatorios profesionais de música da provincia, logrando que a Deputación destinase unha partida específica de 200.000 euros a repartir entre os cinco conservatorios profesionais da provincia».

Respecto ao plan de vivenda, «en maio de 2024 presentamos unha moción para un plan de compra e rehabilitación de vivendas nos concellos de menos de 20.000 habitantes que, dotado cun monto próximo aos 2 millóns de euros, permitiría poñer a disposición anualmente 91 novas vivendas na provincia».

«É todo un logro que o goberno provincial, que non conta con maioría na Deputación, se vexa obrigado a adoptar as nosas propostas e que as destaquen cando fan balance, demostrando que as iniciativas socialistas son axeitadas e necesarias para o desenvolvemento da provincia”, dixo o secretario provincial do PSdeG-PSOE. “Porén, lamentamos que o PP non recoñeza publicamente a orixe destas iniciativas e se apropie politicamente de propostas que naceron do traballo e o compromiso do Grupo Provincial Socialista», sentenzou Vila.