O GRUPO SOCIALISTA PRESENTA DÚAS INICIATIVAS NA DEPUTACIÓN PARA IMPULSAR O DEPORTE OURENSÁN CON INFRAESTRUTURAS DE CALIDADE E VALORES SÓLIDOS
Para Álvaro Vila, «é fundamental que a Deputación exerza un papel de liderado na coordinación interinstitucional para construír o pavillón multiusos de ximnasia que a provincia necesita e merece».
«Queremos que os clubs deportivos conten coas ferramentas e coñecementos necesarios para aplicar correctamente o protocolo de protección dos menores no deporte», subliñou o voceiro socialista.
Ourense, 16 de xullo de 2025. O Grupo Provincial Socialista presentou dúas mocións que, baixo o nexo común do deporte como motor de desenvolvemento provincial, abordan tanto a necesidade de dotar á provincia dunha infraestrutura de calidade para a ximnasia como o compromiso coa protección dos menores no ámbito deportivo. Ambas iniciativas serán debatidas no vindeiro pleno ordinario da corporación provincial o 24 de xullo e reflicten o compromiso dos socialistas cunha visión integral do deporte que combina infraestruturas de excelencia con valores sólidos de protección e seguridade.
A primeira moción demanda a construción dun pavillón multiusos de ximnasia e o recoñecemento de Ourense como capital da ximnasia de Galicia, mentres que a segunda céntrase na colaboración cos clubs deportivos para a implementación efectiva do protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte. «O deporte vertebra as dúas propostas desde perspectivas complementarias: nunha apostamos polas infraestruturas necesarias para que os nosos deportistas poidan competir en condicións óptimas, e noutra priorizamos os valores e a protección dos vulnerables», explicou Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial Socialista.




Vila destacou que, neste ecuador do mandato 2023-2027, «o Grupo Provincial Socialista mantén o seu compromiso co deporte ourensán desde unha perspectiva integral que vai máis alá da súa dimensión competitiva e abrangue a urxencia de infraestruturas acaídas e a importancia de promover valores sólidos de respecto, protección e seguridade». O voceiro socialista subliñou que «o deporte pode ser un auténtico motor de desenvolvemento económico e social para Ourense, pero só se contamos cos equipamentos necesarios e cun marco de valores que garanta a protección das e dos deportistas desde idades temperás».
Infraestruturas de calidade e valores sólidos no deporte
Os socialistas reclaman que a Deputación exerza un rol de liderado na coordinación interinstitucional para impulsar conxuntamente coa Xunta de Galicia e os concellos afectados a construción definitiva dun pavillón multiusos de ximnasia na comarca de Ourense. «Somos terra de ximnasia e de recoñecidas ximnastas, adestradoras e adestradores, e clubs, que marcaron época a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional», subliñou Vila. Segundo este, «os éxitos da ximnasia en Ourense a altísimo nivel son inversamente proporcionais á precariedade e insuficiencia das instalacións deportivas especializadas para a súa práctica».
O voceiro socialista lembrou que en febreiro de 2014, a delegación territorial da Xunta en Ourense anunciaba que a finca Mariñamansa contaría cun polideportivo chamado a converterse en referente da ximnasia en Galicia e no Estado, comprometendo un orzamento estimado en tres millóns de euros. “Esta promesa, que alentou as expectativas de toda a comunidade ximnástica, permanece incumprida máis dunha década despois, xerando frustración e evidenciando a necesidade dunha nova achega á cuestión», fincou Vila.
Neste senso, a iniciativa socialista propón que a Deputación asuma o liderado na coordinación interinstitucional, avalíe destinar unha partida orzamentaria específica, promova un convenio de colaboración entre administracións e impulse o recoñecemento oficial de Ourense como Capital da Ximnasia.
A outra moción céntrase na colaboración cos clubs deportivos para a implementación efectiva do protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte, aprobado polo Observatorio da Familia e da Infancia de Galicia o 14 de maio de 2024. «Aínda que a posta en marcha do protocolo foi un avance significativo na defensa dos dereitos dos menores nunha entorna segura e saudable, a súa implementación presenta importantes eivas que comprometen a súa efectividade na protección dos menores», alertou Vila.
O voceiro socialista explicou que «a administración autonómica non ten proporcionado axuda suficiente aos clubs para a implantación efectiva do protocolo, limitándose a unha sesión de formación de escasas horas á que só asistiron quen voluntariamente quixeron facelo, e a uns vídeos informativos subidos na páxina web». A moción propón incorporar á OU DS Axenda 2030 da propia Deputación de Ourense accións específicas, desenvolver plans de formación para clubs deportivos, instar ás administracións a establecer axudas económicas e crear mecanismos de avaliación e seguimento.

