concellos Denuncias

O PSOE de Viana acusa ao PP de desidia e inoperancia por suspender o pleno do mes de xullo

O PSDEG-PSOE DE VIANA AMOSA O SEU MALESTAR E PREOCUPACIÓN POLA “DESIDIA E INOPERANCIA” DO PP, QUE VEN DE COMUNICAR A SUSPENSIÓN DO PLENO ORDINARIO POR FALTA DE SECRETARIA

As e os socialistas critican que o alcalde e o seu equipo “non foran quen de buscar un substituto” para a celebración dun pleno que consideran “moi importante”, posto que se licitaría o servizo de axuda no fogar, se abonarían as subvencións e se pagaría o que se lle debe aos folións

Subliñan que “para o pleno extraordinario atoparon substituto a través da Deputación, pero para este nin o intentaron, nótase que ao PP non lle interesaba tanto”

“Antes dicían que o concello non funcionaba porque a oposición non aprobaba os orzamentos, agora unha vez aprobados, a desculpa é que non son quen de cubrir unha baixa laboral, que non aconteceu de repente, senón que xa se coñece dende fai máis de 10 días”, denuncian

Viana do Bolo, 17 de xullo do 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo amosa o seu malestar e preocupación debido a “desidia e inoperancia” do grupo de goberno municipal do Partido Popular, que ven de comunicar que o pleno que debía celebrarse no día de hoxe, queda suspendido por falta de secretaria, ao estar de baixa a titular. As e os socialistas critican que o alcalde e o seu equipo “non foran quen de buscar un substituto” para a celebración dun pleno que consideran “moi importante”, posto que se licitaría o servizo de axuda no fogar, se abonarían as subvencións e se pagaría o que se lle debe aos folións.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que a secretaria “leva de baixa xa máis de 10 días” e sinalan que “xa estaba de baixa cando o día 8 se celebrou o pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos pola ausencia dun concelleiro do outro grupo da oposición”. Neste senso as e os socialistas subliñan que “para o pleno extraordinario atoparon substituto a través da Deputación, pero para este nin o intentaron, nótase que ao PP non lle interesaba tanto”.

O PSOE vianés non entende como os populares “non lle poden dar prioridade a un pleno ordinario no que se ían tratar asuntos de vital importancia” e critican que o goberno local “non recorra a un funcionario habilitado que permita celebrar a sesión”. Asemade tamén denuncian que a sesión plenaria “queda aprazada sine die ata cando atopen un funcionario que poida lexitimar a convocatoria do pleno”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, afirma que “antes dicían que o concello non funcionaba porque a oposición non aprobaba os orzamentos, agora unha vez aprobados, a desculpa é que non son quen de cubrir unha baixa laboral, que non aconteceu de repente, senón que xa se coñece dende fai máis de 10 días”. O edil socialista considera que “foi tempo suficiente para atopar unha solución, como a atoparon para o pleno extraordinario”.

García-Ávila Arias sinala que “ou o goberno local non quere que se celebre o pleno, ou non sabe realizar as súas funcións” e apunta que “o certo é que a xestión é nefasta, a xestión administrativa é alarmante e Viana camiña cara a irrelevancia da man deste goberno municipal”.