Concello de Ourense ORZAMENTOS PSdeG

Defendemos que o Orzamento debería priorizar áreas como Vivenda, Igualdade e Benestar Social

NATALIA GONZÁLEZ DEFENDE QUE O ORZAMENTO DEBERÍA PRIORIZAR ÁREAS COMO VIVENDA, IGUALDADE E MÁIS BENESTAR SOCIAL E AFEOU AO PP QUE SE DESENTENDA DUN PRESUPOSTO QUE SABE QUE NON SE VAI CUMPRIR

“Gustaríanos que se puxera sobre a mesa un compromiso real para pagar aos empregados e empregadas o que se lles debe, para o Termalismo ou a Igualdade, para a lingua e a Cultura, compromisos co Comercio e o emprendemento ou a nosa Praza de Abastos número 1”, enumerou a voceira do PSdeG, Natalia González

“Nós non nos esconderemos cando non se cumpran todos aqueles compromisos que demandan as veciñas e os veciños e que vostedes pactaron a sabendas do que vai acontecer. Nós seguiremos traballando polo ben común”, advertiu ao PP

Ourense, 21 de xullo de 2025. A portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez, argumentou, durante o pleno extraordinario desta mañá no que se debateu o Orzamento, para o ano 2025, o voto en contra ao respecto do mesmo por parte do PSdeG. “Levamos case 6 anos sen un orzamento en vigor. Case 6 anos nos que gobernou DO en solitario, mais tamén en bipartito co PP. Bipartito que hoxe se consuma novamente”, lamentou na súa intervención incidindo en que chegan tarde, a pesar do labor incesante de todas as traballadoras e traballadores públicos implicados en que o presuposto puidese saír adiante.

Pero tamén anticipou que, seguramente, rematará acontecendo o mesmo que en exercicios anteriores e que o executivo local teña que funcionar “a golpe de modificacións de crédito” pola ausencia de planificación que xa é unha característica inherente ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome que se exemplifica novamente con este orzamento.

Nesta liña, puxo en dúbida que o presuposto vaia a contribuír a mellorar a vida da veciñanza de Ourense porque un Concello que non é quen de pagar o salario dos seus propios empregados e empregadas públicas –ás que lles adebeda parte das súas nóminas– pouco poderá facer pola amplitude da cidade.

Por outra banda, aproveitou a súa intervención para reseñar todas as propostas aportadas polo grupo municipal do PSdeG a través de 26 emendas que contemplaban unha redistribución das partidas para destinar máis cartos públicos ao Benestar Social e a outras áreas nas que non se contempla gasto ou para as que non se aumentou o presuposto. “Nós non bloqueamos, presentamos alternativas perfectamente viables ás que se lles pasa o rodillo automáticamente. Gustaríanos que se puxera sobre a mesa un compromiso real para pagar aos empregados e empregadas o que se lles debe, para o Termalismo ou a Igualdade, para a lingua e a Cultura, compromisos co Comercio e o emprendemento ou a nosa Praza de Abastos número 1”, enumerou destacando sobre asuntos imprescindibles para as e os socialistas.

“Agora están moi interesados no termalismo, tamén os e as edís do PP, pero deixárono esmorecer entre todos nos últimos anos”, sinalou en referencia ás últimas polémicas do rexedor e os e as edís populares con vídeos en redes sociais. E subliñou, aproveitando o discurso que dende o PP expoñen para respaldar o seu posicionamento firmando cheques en branco ao alcalde, que é certo que son “útiles”; pero non para a cidade, senón para “Gonzalo Pérez Jácome”.

Mención aparte recibiu a modificación de crédito para dotar de máis cartos a área de Servizos Sociais por parte da voceira do PSdeG. “Dicía a concelleira, non sabemos se a traizoou o subconsciente, que había eivas en política social e logo corrixiu eivas por premisas. Efectivamente, son eivas. Por iso traen ao pleno modificacións orzamentarias para facer parches e apaños nun problema que xa tiña que estar completamente recollido e contemplado no novo Orzamento”, expuxo.

“Non é normal que no Concello de Ourense que despois de 5 anos haxa entidades do terceiro sector, para as que todas estamos de acordo en que se incrementen as contías dos seus convenios, que leven 3 anos sen percibir o que lles corresponde para desenvolver e planificar o seu imprescindible labor”, incidiu a tamén secretaria xeral do partido na cidade. “E o tema das emerxencias sociais e outro mal recorrente, por desgraza, neste pleno da Corporación porque estamos a facer apaños cada 3 meses. Hai dous meses comentaba a edil responsable da carteira que xa se esgotara o 70% da partida anual e que había máis de 225 peticións pendentes de tramitar”, afeou tanto ao PP como a DO que pactaron o presuposto.

Finalmente, cualificou de cinismo a posición dos e das populares ao asinar un presuposto co equipo de goberno de Gonzalo Pérez Jácome desentendéndose da responsabilidade de que se execute atendendo ás prioridades máis urxentes das persoas. “Nós non nos esconderemos cando non se cumpran todos aqueles compromisos que demandan as veciñas e os veciños e que vostedes pactaron a sabendas do que vai acontecer. Nós seguiremos traballando polo ben común”, rematou contundente.