O PSDEG-PSOE DE LEIRO DENUNCIA QUE A “DEIXADEZ” DO GOBERNO DO PP DEIXA AO MUNICIPIO, UN VERÁN MÁIS, SEN PROGRAMACIÓN CULTURAL, FESTIVA E DEPORTIVA PARA A VECIÑANZA
As e os socialistas consideran que Leiro “merece máis” e inciden na necesidade de contar cunha programación “digna” e a altura dos veciños e veciñas do concello
Manuel Rodríguez e Pedro José González consideran que en Leiro “temos potencial, temos patrimonio e temos veciñanza con ganas de participar, pero non temos un equipo de goberno que escoite, nin teña vontade para crear un verán con vida no noso municipio”
Destacan que “seguiremos reclamando esta programación nos plenos e diante da veciñanza, con propostas realistas e claras, porque non nos resignamos a ver como Leiro se apaga cada verán, mentres outros concellos avanzan e medran con actividades lúdicas e culturais”
Leiro, 22 de xullo do 2025. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que a “deixadez” do goberno municipal do Partido Popular deixa ao municipio, un verán máis, sen programación cultural, festiva e deportiva para a veciñanza. As e os socialistas consideran que Leiro “merece máis” e inciden na necesidade de contar cunha programación “digna” e a altura dos veciños e veciñas do concello.
Dende o grupo municipal socialista poñen de manifesto que un ano máis, a única programación festiva de Lerio “será a carreira popular e a festa da vendima, dúas citas que existen gracias ao esforzo, á colaboración e aos cartos que aportan os propios veciños e veciñas”. Neste senso tamén destacan que o concello “limítase a aparecer na foto, sen implicación real, nin planificación e sen asumir a súa responsabilidade a hora de ampliar a oferta cultural e festiva”.
“A nosa veciñanza volve a quedar sen opción de lecer nin alternativas culturais para a rapazada, a mocidade ou as persoas maiores”, denuncian os concelleiro socialistas Manuel Rodríguez e Pedro José González, que tamén apuntan “non temos cine ao aire libre, nin música, nin teatro, nin actividades deportivas, nin rutas culturais que poñan en valor o noso patrimonio e contorna natural”. Asemade, os edís do PSdeG-PSOE sinalan que o paseo fluvial e o conxunto patrimonial de San Clodio “seguen a ser infravalorados” e que o balneario de Berán “permanece pechado”. Unha situación que segundo afirman “volve prexudicar á veciñanza, ao comercio e a hostalería, que volverán pasar un verán sen que a iniciativa municipal xere dinamismo, actividade económica e oportunidades”.
Rodríguez e González consideran que esta falta de iniciativa “é unha mostra palpable de que o alcalde e o seu equipo apostan pola lei do mínimo esforzo”. Os edís socialistas consideran que en Leiro “temos potencial, temos patrimonio e temos veciñanza con ganas de participar, pero non temos un equipo de goberno que escoite, nin teña vontade para crear un verán con vida no noso municipio”.
O PSdeG-PSOE de Leiro subliña que “Leiro merece máis, e a súa veciñanza tamén” e destacan que “seguiremos reclamando esta programación nos plenos e diante da veciñanza, con propostas realistas e claras, porque non nos resignamos a ver como Leiro se apaga cada verán, mentres outros concellos avanzan e medran con actividades lúdicas e culturais”.
As e os socialistas consideran que Leiro “pode e debe ser un lugar vivo, atractivo e con oportunidades para tódalas idades” e finalizan afirmando que “só precisamos vontade, traballo e compromiso, algo que o actual goberno municipal non aporta, limitándose a vivir do traballo alleo e da implicación da veciñanza, que son, ao final, que manteñen as poucas actividades que aínda se celebran”.

