Concello de Ourense ourense Sanidade

Esixiremos responsabilidades no Parlamento polo novo derrube do teito do Hospital Materno Infantil

AS E OS SOCIALISTAS DE OURENSE ESIXIRÁN NO PARLAMENTO DE GALICIA RESPONSABILIDADES POLO NOVO DERRUBE DO TEITO DO HOSPITAL MATERNO E QUE SE ESCOITE AS DEMANDAS DE PROFESIONAIS E NAIS

Tamén pedimos que o executivo de Rueda presente, nun prazo máximo dun mes, un cronograma detallado sobre a apertura do novo edificio do Hospital Materno e que escoite as demandas dos e das profesionais e das asociacións de afectadas”, explica a deputada Carmen Rodríguez Dacosta

A situación resulta aínda máis grave se temos en conta que estas deficiencias afectan a un centro hospitalario que atende mulleres embarazadas, neonatos e crianzas, é dicir, a poboación máis vulnerable”, subliña

Ourense, 24 de xullo de 2025. Ante o novo derrube dun falso teito do Hospital Materno Infantil do CHUO, as e os socialistas de Ourense esixirán responsabilidades políticas no Parlamento de Galicia. “O goberno de Rueda debe facerse cargo das condicións nas que traballan as e os empregados da Sanidade pública na nosa cidade e esta é xa a terceira vez que se produce a mesma situación, poñendo en risco non só aos e ás profesionais, senón tamén ás persoas usuarias do servizo”, expón a deputada Carmen Rodríguez Dacosta.

“Tamén pedimos que se garanta a reubicación temporal da actividade asistencial en zonas seguras tanto para as nais como para os seus fillos e fillas. Así como que o executivo de Rueda presente en sede parlamentaria, nun prazo máximo dun mes, un cronograma detallado sobre a nova apertura do novo edificio do Hospital Materno Infantil e se vai escoitar as demandas dos e das profesionais do Comité Intercentros e das asociacións de afectadas”, puntualiza.

Para as socialistas estes feitos poñen de manifesto unha inxustificable neglixencia por parte do Goberno autonómico, que mantén en funcionamento unhas instalacións visiblemente deterioradas e potencialmente perigosas, mesmo despois de múltiples alertas, advertencias e denuncias públicas. “A Consellería de Sanidade non só non ofrece explicacións convincentes, senón que segue sen asumir responsabilidades políticas nin técnicas, nin abrir investigacións rigorosas e públicas sobre o acontecido”, sinala o texto que se defenderá na Cámara galega.

“A situación resulta aínda máis grave se temos en conta que estas deficiencias afectan a un centro hospitalario que atende mulleres embarazadas, neonatos e crianzas, é dicir, a poboación máis vulnerable, e que as obras no novo edificio continúan sen avances visibles, prolongando indefinidamente a dependencia dunha infraestrutura obsoleta e perigosa”, remata a deputada.