APROBADAS CUN AMPLO CONSENSO DO PLENO DA DEPUTACIÓN AS MOCIÓNS SOCIALISTAS SOBRE INFRAESTRUTURAS E PROTECCIÓN DOS MENORES NO DEPORTE
A iniciativa para a construción dun pavillón multiusos e designación de Ourense como capital da ximnasia deveu unha moción conxunta do pleno, e a defensa dos menores logra un apoio unánime.
Para Vila, «o consenso amplo que suscitan as nosas propostas demostran que o diálogo e o traballo rigoroso logran facer avanzar proxectos importantes para a provincia».
Ourense, 24 de xullo de 2025. O Grupo Provincial Socialista logrou a aprobación das dúas mocións que presentou no pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado este xoves, consolidando a súa capacidade para impulsar proxectos que benefician ao conxunto da provincia. A moción para a construción dun pavillón multiusos de ximnasia e o recoñecemento de Ourense como capital da ximnasia de Galicia acadou tal grao de consenso que mesmo se converteu nunha proposta conxunta trala adhesión de PP, BNG e DO.
Baixo o impulso da Deputación, a proposta busca promover unha meirande cooperación entre administracións para concretar compromisos e prazos sobre un proxecto comprometido hai xa máis dunha década pola Xunta. O voceiro socialista, Álvaro Vila, lembrou que «a Xunta de Galicia comprometeu xa en 2014 un orzamento estimado en tres millóns de euros para esta infraestrutura, pero esta promesa de longa data permanece incumprida máis dunha década despois, chegando xa o momento de que todas as administracións concernidas se coordinen para resolver esta carencia histórica».
Pola súa banda, a iniciativa sobre colaboración cos clubs deportivos para a aplicación do protocolo de protección de menores no deporte foi aprobada por unanimidade de toda a corporación provincial. A moción céntrase no rol motor que ten que xogar a Deputación de Ourense para, a través da colaboración cos clubs deportivos, aplicar de xeito efectivo o protocolo de protección de menores no deporte aprobado pola Xunta en maio de 2024.
Vila explicou que «a administración autonómica non ten proporcionado axuda suficiente aos clubs para a implantación efectiva do protocolo, limitándose a unha sesión de formación de escasas horas». Para paliar as eivas actuais e avanzar cara a efectiva defensa dos máis cativos, esta proposta propón incorporar accións específicas ao programa OU DS Axenda 2030 para desenvolver plans de formación para clubs e establecer mecanismos de seguimento e avaliación.
O voceiro socialista, valorou moi positivamente os resultados do pleno e destacou que «é unha gran satisfacción comprobar que as nosas propostas construtivas, baseadas no interese xeral da provincia e non en estratexias partidistas, teñen a capacidade de xerar consensos tan amplos que o resto de grupos se adhiran ás mesmas». Para este, «o PSdeG-PSOE ten demostrado ao longo deste mandato a súa capacidade para presentar iniciativas rigorosas, ben fundamentadas e orientadas ao benestar da cidadanía ourensá, logrando o apoio do resto de formacións».

