Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Renovación na bancada socialista

Os deputados Aurentino Alonso e Elvira Lama renuncian aos seus escanos cumprindo así co acordo de renovación comprometido polo Grupo Provincial Socialista ao inicio do mandato

Ourense, 24 de xullo de 2025. O pleno tivo como primeiro punto da orde do día a renuncia de dous deputados socialistas, Aurentino Alonso e Elvira Lama, nun acto que responde ao cumprimento do acordo alcanzado ao inicio do mandato dentro do Grupo Provincial Socialista sobre a renovación dos representantes. Ámbolos dous deputados cesantes realizaron emotivos discursos de despedida nos que destacaron o orgullo que supuxo para eles servir como representantes públicos na Deputación de Ourense e a súa constante labor a prol da provincia e das súas comarcas de referencia.

Alonso, tenente de alcalde do Barco de Valdeorras, destacou que «durante este tempo procurei sempre defender os intereses do rural ourensán e das xentes de Valdeorras, porque entendo que a política debe estar ao servizo da cidadanía e non ao revés, e confío en que o traballo realizado contribúa ao desenvolvemento da nosa terra». Lama, primeira muller en acceder á alcaldía de Xinzo de Limia, sinalou que «ser deputada provincial foi un privilexio que me permitiu coñecer de primeira man as necesidades e aspiracións de toda a provincia, pero sempre co corazón posto na miña comarca».

Ámbolos deputados cesantes recibiron o recoñecemento de todos os grupos da corporación pola súa dedicación e traballo durante o tempo que exerceron as súas responsabilidades públicas. O seu xefe de filas, Álvaro Vila, louvou e agradeceu «a entrega e o compromiso demostrado por Aurentino e Elvira ao longo deste período, así como a súa xenerosidade ao cumprir cos acordos de renovación adoptados, permitindo a outros perfís aportar novas ideas e azos á institución provincial, e demostrando que o PSdeG-PSOE antepón sempre o interese xeral aos intereses particulares».