AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO RECLAMAN QUE O EXECUTIVO DE JÁCOME DEVOLVA Á “MOLINERA” O SEU SENTIDO INICIAL E QUE POÑA EN MARCHA UN PROGRAMA ANUAL CHAMADO “OURENSE INNOVA”
“A creación deste centro de coñecemento foi unha iniciativa do executivo bipartito do PSdeG-PSOE e o BNG, que xurdiu durante o mandato 2007-2011, e recollía a reivindicación veciñal de recuperar para uso público as antigas instalacións da empresa panificadora do mesmo nome”, lembra o edil do PSdeG José Ángel Vázquez Barquero
As e os socialistas tamén reclaman que o executivo local non só devolva a este espazo o seu obxectivo inicial, señón que poña en marcha un programa anual baixo o nome de “Ourense Innova” que inclúa: formación práctica en competencias dixitais e novos oficios, talleres interxeracionais e actividades para mozos e mozas creadoras
Ourense, 30 de xullo de 2025. O grupo socialista do Concello de Ourense defenderá, no vindeiro pleno ordinario de agosto, unha iniciativa para instar ao goberno municipal a descartar o uso do edificio de “La Molinera” como sede de novas dependencias administrativas e que se retome o proxecto inicial sobre o mesmo como espazo para a innovación, a tecnoloxía, o emprendemento e a participación social, adaptándoo aos retos actuais e apostando por unha programación útil e aberta á veciñanza.
“A creación deste centro de coñecemento foi unha iniciativa do executivo bipartito do PSdeG-PSOE e o BNG, que xurdiu durante o mandato 2007-2011, e recollía a reivindicación veciñal de recuperar para uso público as antigas instalacións da empresa panificadora do mesmo nome”, lembra o edil do PSdeG José Ángel Vázquez Barquero. “O proxecto, financiado polo Ministerio de Industria, pretendía reproducir en Ourense unha tipoloxía de propostas que naquela altura se estaban a desenvolver noutras partes do Estado español e a nivel internacional, e que baixo denominacións diversas se concebían xenericamente como Centros de Innovación Social”, aclara.
Tal e como recolle a moción xa rexistrada para o seu debate e aprobación, no ano 2019 se truncou de forma drástica a normal evolución do proxecto na medida en que o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, acorda converter o espazo ocupado pola “Molinera” en sede do futuro Centro de Intelixencia Artificial e trasladar as instalacións do primeiro a outro emprazamento. En concreto, a un novo complexo cultural a situar en San Francisco. “Unha desacertada e unilateral decisión rexeitada unanimemente por todos os partidos da oposición que foron quen de anticipar a principios de outubro do 2020 como o cambio de funcionalidade das instalacións suporía o efectivo desmantelamento do centro de coñecemento e unha perda salientable para a nosa cidade”, sopesa o edil do PSdeG.
Recordan as e os socialistas que o Centro de Intelixencia Artifical rematou pechando, tal e como anunciou o alcalde hai 3 anos, baixo o argumento da falta de apoio do Goberno central, da Xunta de Galicia e da Deputación, convencido de que o seu traballo non fora en balde e que a Universidade de Vigo retomaría o proxecto coa posta en marcha do grao de Intelixencia Artificial en Ourense. “Esquecíase o rexedor de concretar que a súa cativa herdanza se resumía na contratación en precario de 11 enxeñeiros informáticos e un nulo pulo do desenvolvemento da cidade, a costa de facer desaparecer o centro de coñecemento de ‘La Molinera’”, puntualiza sobre os últimos acontecementos relacionados con estas dependencias.
Por todo elo, as e os socialistas tamén reclaman que o executivo local non só devolva a este espazo o seu obxectivo inicial, señón que poña en marcha un programa anual baixo o nome de “Ourense Innova” que inclúa: formación práctica en competencias dixitais e novos oficios, talleres interxeracionais e actividades para mozos e mozas creadoras, apoio a iniciativas cidadás que melloren a cidade, un espazo estable de coworking para emprendedores e profesionais locais, actividades en colaboración con centros educativos, universidades e colectivos sociais.

