POLÍTICA PROVINCIAL SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Reunímonos coa DO de Valdeorras para escoitar as súas necesidades

O PSDEG-PSOE DE OURENSE REÚNESE COA DENOMINACIÓN DE ORIXE VALDEORRAS PARA ESCOITAR AS SÚAS NECESIDADES E IMPULSAR PROXECTOS DE FUTURO PARA O SECTOR VITIVINÍCOLA

O senador, Rafa Villarino, o secretario provincial de Medio Rural, Francisco López; e o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, reuníronse co presidente e a secretaria da DO de Valdeorras, Marcos Prada de Patricia de Andrés

Na xuntanza abordáronse estatísticas, dificultades e oportunidades dos viños valdeorreses no contexto da crise dos aranceis impostos por Estados Unidos a Europa, así como as necesidades do sector e as súas inquedanzas

Durante o encontro fíxose fincapé nos avances formativos, posto que a primeira promoción do Ciclo Superior de FP Dual de Viticultura impartida no Barco verá a luz este ano, xerando 15 titulados que terán postos de traballo garantidos, o que se suma os cursos da UNED

Ourense, 31 de xullo do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense conclúe a primeira rolda de contactos co sector vitivinícola da provincia, cun encontro co Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. A delegación socialista considera que o sector do viño “é clave para o desenvolvemento económico da provincia” e está mantendo estes encontros co obxectivo de escoitar as necesidades dos consellos reguladores e achegar propostas e proxectos axeitados para impulsar cada unha delas.

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro socialista na comisión de Agricultura, Gandería e Alimentación no Senado, Rafael Rodríguez Villarino; o secretario de medio rural da Executiva Provincial, Francisco López González; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, reuníronse co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, e coa secretaria da mesma, Patricia de Andrés Vales. Na xuntanza abordáronse estatísticas, dificultades e oportunidades dos viños valdeorreses no contexto da crise dos aranceis impostos por Estados Unidos a Europa, así como as necesidades do sector e as súas inquedanzas.

A calidade dos viños de Valdeorras acompáñase do incremento na produción dos mesmos, de xeito que medra significativamente con datos de 2024, respecto a colleitas anteriores, facéndoo tanto en superficie (de 1.108 a 1200 hectáreas), como en litros de viño certificado (de 3.540.610 a 5.010.952 litros) e quilos de uva (de 5.536.204 a 7.000.000 de quilos). O número de adegas mantense constante, 41, das que 10 son consideradas grandes ao facturar por riba dos 60.000 litros.

A representación socialista destaca que “o avellentamento da poboación é un dos principais problemas da DO, así como o minifundismo” e apuntan a que o emprego xerado polo sector “mantense estable no ámbito adegueiro, cubríndose o ámbito da viticultura, a poda e a vendima con empresas locais, que empregan persoal inmigrante profesional e estenden a súa labor ao resto de DOs de Galicia, sendo moi valoradas polo sector”.

Durante o encontro fíxose fincapé nos avances formativos, posto que a primeira promoción do Ciclo Superior de FP Dual de Viticultura impartida no Barco verá a luz este ano, xerando 15 titulados, que terán postos de traballo garantidos, o que se suma os cursos da UNED. Sen embargo, tal como trasladan dende a DO “estas liñas formativas son insuficientes para dotar de cantidade e calidade os recursos humanos que se precisan para cubrir as necesidades de persoal”.

O senador, Rafael Rodríguez Villarino, explica que os problemas burocráticos “son outra das dificultades sentidas no CRDO de Valdeorras, manifestándose nas limitacións dos viticultores e adegueiros de máis idade, sobre todo os propietarios de pequenas adegas, que deben tramitar datos a diversas administracións públicas (Xunta, Facenda, FOGGA, MAPA, Catastro…) ou entidades (ECOEMBES) en distintos formatos e datas, polo que se ven forzados a dedicar moito tempo e recursos económicos (pago de servizos profesionais) para cumprir as obrigas administrativas requiridas”. Tamén apunta a que un problema adicional “é o transporte, tanto por tren como por estrada, que limita o crecemento de iniciativas no territorio”.

Na reunión, as e os responsables da CRDO Valdeorras puxeron en valor a labor da vitivinicultura do lugar, tanto no relativo ás persoas das adegas, como ás dedicadas á colleita, cuxo labor fixo posible, case en solitario e sen apoios das administracións públicas, o lugar de privilexio que ocupan os caldos desta terra na actualidade.

Sobre esta base, solicitan apoio ao Goberno Central -e nomeadamente aos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e ao de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO)-, para apuntalar o futuro da DO Valdeorras, destacando a necesidades de apoiar a Ruta do Viño de Valdeorras, que tal e como indican “é unha das máis activas e prometedoras de Galicia, desenvolvendo actividades ao longo de todo o ano, pero que se atopa nunha situación de precariedade de apoios públicos que pon en risco a súa continuidade”.

Finalmente, citar que o impacto económico dos aranceis de Trump na DO Valdeorras non semella relevante, xa que dos 7% dos litros que son exportados (340.000), só o 11% destes (38.000) teñen como destino Estados Unidos.