O PSDEG-PSOE DA VEIGA DENUNCIA QUE A “PÉSIMA E NEGLIXENTE” XESTIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL DO PP PROVOCOU QUE A OFICINA DE TURISMO MUNICIPAL PERMANEZA TOTALMENTE PECHADA
As e os socialistas consideran “inadmisible” esta situación e esíxenlle ao Partido Popular que “tome cartas no axunto de forma urxente para arranxar esta situación coa maior brevidade posible”
Fernando Fernández Yáñez critica que un concello como a Veiga, recoñecido como municipio turístico, e que multiplica por 5 a súa poboación nos meses de verán, pasando dos 800 aos 4.000 veciños e veciñas “non pode ter pechada a oficina de turismo”
A Veiga, 1 de agosto de 2025. O PSdeG-PSOE da Veiga denuncia que a “pésima e neglixente” xestión do goberno municipal do Partido Popular provocou que a oficina de turismo municipal permaneza totalmente pechada, nun municipio que recibe cada ano a milleiros de turistas. As e os socialistas consideran “inadmisible” esta situación e esíxenlle ao Partido Popular que “tome cartas no axunto de forma urxente para arranxar esta situación coa maior brevidade posible”.
Dende o grupo municipal socialista explican que o pasado 10 de febreiro, o alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, iniciou o expediente de adxudicación para a prestación de servizos: planificación, información e atención turística do concello da Veiga. O rexedor autorizou un importe de 30.000 euros, con cargo ao Plan Provincial de Cooperación da Deputación de Ourense para o exercicio 2025 para este fin.
O 10 de marzo foi adxudicado o contrato, que segundo apuntan dende o PSOE da Veiga “adxudicouse a unha persoa “capacitada”, tal e como recolle o decreto desa data, por un importe de 29.172 euros e con data de finalización do 15 de decembro de 2025. Segundo relata o voceiro socialista na Veiga, Fernando Fernández Yáñez, “unha vez coñecida a documentación, comprobamos que a persoa a que se lle adxudicara o contrato carecía da titulación necesaria para poder levar a cabo as funcións inherentes ao citado contrato”.
Ante esta situación, as e os socialistas fixéronlle saber ao equipo de goberno a situación, e despois de dous meses, a adxudicataria tivo que renuncian ao contrato, quedando o concello sen ningunha persoa que planificase, informase e atendera a oficina de turismo do concello.
Fernando Fernández Yáñez critica que un concello como a Veiga, recoñecido como municipio turístico, e que multiplica por 5 a súa poboación nos meses de verán, pasando dos 800 aos 4.000 veciños e veciñas “non pode ter pechada a oficina de turismo”. O voceiro socialista considera que “o único culpable é o alcalde, Juan Anta, que xunto ao seu equipo de goberno amosou unha xestión neglixente, o que provoca que as e os turistas que nos visitan non teñan ningún punto no que informarse das opcións turísticas que ofrece o noso municipio”.
Ante esta renuncia e ao non dispoñer de persoal cualificado, o concello ten que renunciar a esa partida de 30.000 euros por non poder xustificada. Neste senso dende o PSOE da Veiga subliñan que “é inconcibible que un goberno municipal teña que renunciar a unha partida por non facer ben os deberes”.

