Álvaro Vila pon de relevo os 26 anos de servizo público do alcalde socialista que acaba de anunciar que deixa o cargo e manifesta plena confianza no futuro da vila valdeorresa.
Para o máximo responsable socialista na provincia, García representa un “exemplo de compromiso coa veciñanza” e de “dedicación incansable ao servizo público” na comarca de Valdeorras.
Vila amosou a súa plena confianza en que o compañeiro ou compañeira que asuma o relevo continuará a liña de García e contará co apoio incondicional de todo o partido.
Ourense, 1 de agosto de 2025. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, manifestou hoxe o seu máis sincero recoñecemento á “extraordinaria traxectoria” de Alfredo García Rodríguez, quen despois de 26 anos no cargo anunciou a súa decisión de deixar a alcaldía do Barco de Valdeorras. Vila destacou que García «representa un exemplo de compromiso coa veciñanza e de dedicación incansable ao servizo público na comarca de Valdeorras».
«Alfredo García é un referente para todo o socialismo ourensán e galego, un home que soubo combinar a proximidade coa xente co traballo rigoroso e a visión de futuro», afirmou Vila na súa valoración. O líder provincial do PSdeG-PSOE subliñou que García «durante máis dun cuarto de século foi o artífice dunha transformación profunda do Barco de Valdeorras, consolidando a vila como un centro neurálxico da comarca oriental da provincia e un modelo de xestión socialista comprometida co progreso e o benestar da cidadanía».
“(García) converteu O Barco de Valdeorras nunha referencia en servizos públicos de calidade, desenvolvemento económico e cohesión social”, estimou Vila. Este tamén resaltou que «a súa xestión sempre se caracterizou por estar ao lado das familias traballadoras, impulsar iniciativas que mellorasen a calidade de vida da veciñanza e traballar incansablemente por unha vila máis próspera e con máis oportunidades para todas as idades».
O secretario provincial, quen tamén é voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, non quixo pasar por alto “o compromiso permanente” de García coa defensa dos intereses de Valdeorras na corporación provincial e nas diferentes institucións galegas e estatais das que formou parte como representante do PSdeG-PSOE.
O líder socialista destacou que García sempre demostrou «unha capacidade extraordinaria para tender pontes, buscar consensos e traballar pensando no ben común, valores que sempre representaron o mellor do socialismo democrático». Para Vila, a traxectoria do alcalde valdeorrés «deixa un legado sólido e unha base firme sobre a que continuar construíndo o futuro da vila, demostrando que é posible facer política desde a honestidade, a transparencia e o compromiso coa xente».
Continuidade e compromiso co futuro
Vila amosou a súa plena confianza en que o compañeiro ou compañeira que asuma o relevo continuará a liña de García e contará co apoio incondicional de todo o partido. Neste senso, o secretario provincial garantiu que o PSdeG-PSOE manterá o seu “compromiso absoluto” co Barco de Valdeorras e a súa comarca.
«O compañeiro ou compañeira que asuma o relevo de Alfredo García terá a todo partido detrás e estou convencido de que saberá estar á altura dunha vila tan importante como O Barco», afirmou o secretario provincial. Vila insistiu en que «a continuidade está garantida porque o socialismo valdeorrés ten cadros preparados e comprometidos que saberán manter e mellorar o excelente traballo realizado durante todos estes anos».
O máximo dirixente do PSdeG-PSOE na provincia concluíu a súa valoración agradecendo publicamente a Alfredo García «todo o entregado durante máis de dous décadas e media ao servizo da veciñanza do Barco e de toda a comarca». «García deixa unha pegada indeleble na historia da vila, sendo un exemplo de como debe exercerse a responsabilidade pública desde os valores socialistas da solidariedade, a igualdade e o progreso compartido», concluíu Vila.

