AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE VALORAN QUE O GOBERNO DE JÁCOME SE COMPROMETA COA SÚA PROPOSTA DE INSTALAR UN CONXUNTO ESCULTÓRICO EN MEMORIA DAS VÍTIMAS FUSILADAS POLO FRANQUISMO
Entenden, despois de que o edil de DO anticipase a posible aportación doutras institucións para dito fin, que se trata dunha débeda histórica coa cidade e que solventala non debe depender só de que outras administracións, como a Deputación ou a Xunta de Galicia, aporten fondos para elo
Non obstante, a voceira do grupo municipal socialista e secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, lamenta que o executivo local desbote a posibilidade de convocar o Consello Municipal de memoria Historia para abordar este e outros asuntos de relevancia
Ourense, 4 de agosto de 2025. Dende o grupo municipal municipal do PSdeG no Concello de Ourense agradecen ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome que amose interés pola proposta realizada polas socialistas para situar na praza do complexo cultural de San Francisco, onde se fusilou a máis de cen persoas durante a guerra civil e o franquismo, un conxunto escultórico que identifique o espazo como lugar de memoria democrática.
Segundo afirmou o edil Armando Ojea no pleno ordinario do mes de agosto, o executivo valora a posibilidade de que nesa zona da cidade se instale unha homenaxe que recorde “a memoria das persoas que se mantiveron fieis ao seu cargo institucional e á legalidade institucional e, ao mesmo tempo, que transmita a senrazón” dos asasinatos alí cometidos.
Entenden, despois de que o edil de Democracia Orensana anticipase a posible aportación doutras institucións para dito fin, que se trata dunha débeda histórica coa cidade e que solventala non debe depender só de que outras administracións, como a Deputación ou a Xunta de Galicia, aporten fondos para a creación e o emprazamento do conxulto escultórico.
Ademais, as e os socialistas levan anos reivindicando que se cumpra co acordo aprobado en sesión plenaria hai 7 anos no que se solicitaba denominar Praza da República ao Campo de Aragón –situado entre a Biblioteca Nós, o Arquivo Histórico Provincial e a Escola Municipal de Música e Artes Escénicas– para que se aplique a Lei 20/2022, de 19 de outubro de 2019, de Memoria Democrática.
Non obstante, a voceira do grupo municipal socialista e secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, lamenta que o executivo local desbote a posibilidade de convocar o Consello Municipal de memoria Historia para abordar este e outros asuntos de relevancia. “No que respecta a nosa cidade queda moito por facer, tanto pedagóxica como democraticamente, para comezar a reparar o dano ocasionado pola guerra civil e o franquismo e entendemos que unha comisión efímera, que foi a opción proposta polo edil Armando Ojea, non será suficiente”, afirma.

