A EXECUTIVA PROVINCIAL DO PSDEG-PSOE CONDENA A ELECCIÓN DE MIGUEL TELLADO COMO PREGOEIRO DA FESTA DA VENDIMA DE LEIRO
O secretario provincial socialista, Álvaro Vila, denuncia que a designación responde a criterios ideolóxicos e o perfil carece de prestixio para un evento declarado de interese turístico de Galicia.
Os socialistas da provincia apoian ao grupo municipal do PSdeG-PSOE de Leiro na denuncia da politización dunha celebración que debe honrar a cultura e o viño, non unha plataforma propagandística do PP.
Vila subliña que a elección de Tellado perpetúa un patrón de nomeamentos partidistas e reclama o retorno a pregoeiros vinculados ao sector vitivinícola e á cultura local.
Ourense, 26 de agosto de 2025. A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE manifestou a súa rotunda condena á elección de Miguel Tellado, secretario xeral do PP, como pregoeiro da Festa da Vendima de Leiro 2025. O secretario provincial socialista, Álvaro Vila, denunciou que “esta designación responde a criterios exclusivamente ideolóxicos e o perfil de Tellado carece do prestixio e vinculación co sector vitivinícola que debe caracterizar a quen protagonice un evento declarado de interese turístico de Galicia e financiado con fondos públicos”.
Vila expresou o apoio incondicional da Executiva Provincial que el mesmo encabeza ao grupo municipal socialista de Leiro na súa denuncia da “politización” dunha celebración que “sempre foi un referente da cultura e tradición vitivinícola galega”.
«Miguel Tellado non é unha figura de prestixio no ámbito cultural nin ten vencello algún co noso viño ou co Ribeiro. Este nomeamento responde unicamente a intereses partidistas do PP e representa unha nova mostra do uso clientelar que fan dunha festa que pertence a toda a veciñanza», afirmou o dirixente socialista.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE destacou que a designación de Tellado para 2025 continúa cun patrón iniciado en 2019 que converteu a Festa da Vendima nunha plataforma de propaganda política do PP. «Desde que chegou o PP ao goberno local de Leiro, a elección de pregoeiros derivou nunha sucesión de nomeamentos exclusivamente partidistas que nada teñen que ver coa esencia cultural e vitivinícola da celebración», explicou Vila.
«Mariano Rajoy en 2019, varios conselleiros da Xunta en 2022 e 2024, e agora Miguel Tellado en 2025, amosando que o PP só pensa en utilizar este evento como escaparate electoral, non como homenaxe ao traballo viticultor e á tradición cultural do Ribeiro», engadiu.
Para o líder socialista provincial, a elección de Tellado representa «un agravio cara aos verdadeiros protagonistas que deberían ocupar o púlpito na Festa da Vendima: escritores, xornalistas, divulgadores, bodegueiros e representantes do sector vitivinícola que realmente transmiten e defenden a esencia cultural e económica desta celebración».
Vila subliñou que «mentres o PP elixe cargos políticos sen ningunha vinculación co territorio nin co viño, os profesionais que durante décadas traballaron pola promoción e dignificación do Ribeiro quedan relegados a un segundo plano».
Apoio ás accións de protesta
A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE esixiu que a Festa da Vendima de Leiro recupere o seu espírito orixinal e recoñeza o traballo das persoas vinculadas á cultura, á historia e ao viño da comarca. «Non podemos permitir que unha celebración declarada de interese turístico de Galicia se converta nunha ferramenta de propaganda partidaria financiada cos cartos de todos os galegos e galegas», sentenciou o secretario provincial.
Vila anunciou que os socialistas ourensáns apoiarán todas as accións do PSdeG-PSOE de Leiro encamiñadas a devolverlle á Festa da Vendima o seu carácter orixinal de honra para esta “terra con carácter” e “escaparate do mellor do Ribeiro”. «Seguiremos denunciando esta instrumentalización política dun evento que debe ser patrimonio de toda a veciñanza e non plataforma electoral do PP», concluíu o dirixente socialista.

