Deputación de Ourense INCENDIOS POLÍTICA PROVINCIAL

Tendemos a man ao PP contra os incendios e criticamos a súa submisión a Feijóo

O PSDEG-PSOE TENDE A MAN AO GRUPO DE GOBERNO NO PLENO DA DEPUTACIÓN SOBRE OS LUMES NA PROVINCIA E CRITICA A SUBMISIÓN DO PP OURENSÁN AO DISCURSO DE FEIJÓO

Malia as dificultades compartidas polos concellos da provincia, Álvaro Vila lamentou que o PP ourensán reproduza a narrativa de confrontación de Xénova cando Ourense precisa unidade

O voceiro socialista denunciou as contradicións internas do grupo de goberno e a falta de coherencia no discurso oficial fronte ao drama dos lumes

As e os socialistas avanzan unha batería de propostas concretas acaídas ao marco competencial da Deputación e condenan que o PP se dedique ao espectáculo político

Ourense, 27 de agosto de 2025. A O Grupo Provincial Socialista apostou pola colaboración e evitou a confrontación no pleno extraordinario da Deputación sobre os incendios que asolaron a provincia. Malia os intentos da voceira popular Patricia Torres de reproducir a narrativa de enfrontamento político impulsada desde Xénova, o PSdeG-PSOE encabezado polo seu voceiro e secretario provincial, Álvaro Vila, tendeu a man ao grupo de goberno para traballar de xeito construtivo na busca de solucións eficaces.

«É unha pena que o PP de Ourense transixa co xogo político de Feijóo a nivel estatal cando o que precisa a nosa provincia é unidade e traballo conxunto», sinalou o voceiro socialista Álvaro Vila. O dirixente avogou por manter un debate construtivo e, malia as dificultades compartidas polos polo groso de concellos que sufriron os lumes máis grandes da historia de Galicia, lamentou a intervención de Torres centrada na confrontación partidista cando a situación require consenso institucional.

«Tivemos até 42 concellos ardendo e os alcaldes e alcaldesas estiveron na primeira liña contra o lume, a carón de veciñas e veciños, e dos efectivos de emerxencias, polo que agora non entendemos os postureos políticos do PP nesta cámara», subliñou Vila. Neste senso, o dirixente socialista criticou que se privilexie o espectáculo partidista sobre as necesidades reais da provincia tras a maior catástrofe forestal da súa historia.

Como exemplo das contradicións internas do propio PP, o voceiro socialista citou as declaracións do xefe de emerxencias da propia Deputación de Ourense. Este responsábel afirmou recentemente nunha entrevista publicada por un xornal galego que había medios abondo e que era «inevitable» que se queimasen casas, sendo a única solución «que chova». Vila sinalou que «estas declaracións contradicen frontalmente o discurso oficial do PP e demostran a falta de coherencia interna do grupo de goberno».

O voceiro socialista denunciou a falta de autocrítica do PP ante unha emerxencia que require análise rigorosa das deficiencias do sistema. «Non se pode manter un discurso triunfalista cando a realidade demostra graves carencias na prevención e xestión dos incendios», apuntou Vila durante a súa intervención no pleno extraordinario.

“50 medidas” e toma de posesión de novos deputados

Vila puxo como exemplo da inconsistencia do relato do PP que o pasado martes o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a oferta da Xunta para cubrir 327 vacantes de bombeiros forestais, evidenciando as carencias estruturais do sistema. O voceiro socialista denunciou como Feijóo «alimentou o lume» coa súa estratexia de confrontación política e reiterou a súa mágoa de que o PP ourensán compre este discurso cando o que debería facer é traballar nunha resposta eficaz.

Sen entrar en detalles, Vila avanzou que o Grupo Provincial Socialista traballou nunha proposta integral con 50 medidas concretas para abordar a prevención, xestión e recuperación tras os incendios forestais. «Mentres outros se dedican ao espectáculo político e a xerar ruído, nós traballamos en propostas serias e viables», indicou o voceiro, quen se mostrou disposto a compartir estas iniciativas co grupo de goberno.

Neste mesmo pleno tomaron posesión como novos deputados do PSdeG-PSOE Sherezade Núñez, tenente de alcalde no municipio de Vilamartín de Valedorras, e Xosé Carlos Valcárcel, rexedor Barbadás, en substitución de Elvira Lama, ex alcaldesa de Xinzo de Limia, e Aurentino Alonso, quen será designado á fronte do concello do Barco de Valdeorras a vindeira semana.