Concello de Ourense

Os socialistas de Ourense denuncian que Jácome anuncia contratacións de bombeiros trala vaga de lumes e as amenazas

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DENUNCIA QUE JÁCOME EMULA A RUEDA E ANUNCIA CONTRATACIÓNS DE BOMBEIROS DESPOIS DA VAGA DE LUMES 

Natalia González resalta que “o que se necesita non son anuncios a destempo, senón planificación, estabilidade laboral e servizos profesionais fortes e ben dotados e menos improvisación e propaganda”.

Non aceptamos que o alcalde manipule a súa entrega nin que intente colgarse medallas a costa do traballo e o sacrificio dos bombeiros, cando é incapaz de pagarlles o que lles debe en nóminas, horas extra e sentenzas xudiciais pendentes” 

Ourense, 30 de agosto do 2025. O grupo municipal socialista denuncia que Jácome emula a Rueda e anuncia contratacións de bombeiros despois da vaga de lumes. Este venres 29 de agosto, o Concello fixo pública no taboleiro de anuncios a convocatoria de 14 prazas de bombeiro-condutor despois de semanas críticas duns incendios que arrasaron máis de 90.000 hectáreas e despois de que en maio deste mesmo ano pretendiese desmantelar o corpo de emerxencias municipais con “bombeiros voluntarios” e ameazas anos traballadores

Natalia González resalta que “o que se necesita non son anuncios a destempo, senón planificación, estabilidade laboral e servizos profesionais fortes e ben dotados e menos improvisación e propaganda”. 

As socialistas consideramos que Gonzalo Pérez Jácome utilizou os incendios forestais para sacar rédito político e que, do mesmo xeito que fixo Alfonso Rueda coa Xunta de Galiciaanunciando fai uns días a contratación de 300 novas prazas de bombeiros forestáis, anuncia agora contratacións de bombeiros trala vaga de lumes que arrasou a nosa provincia. Jácome utiliza o mesmo patrón de improvisación e propaganda.

“Unha vez máis, chegamos tarde: anuncian reforzos dos corpos de seguridade cando xa ardeu Ourense, cando as veciñas e veciños sufriron o lume e cando os profesionais tiveron que cubrir as carencias dun goberno autonómico e dun Concello incapaz de previr e planificar con seriedade”, resaltan as socialistas.

Respecto aos bombeiros de Ourense

O Grupo Municipal Socialista quere expresar unha vez máis o seu respecto e recoñecemento aos bombeiros municipais, que con iniciativa propia e en moitos casos en condicións precarias acudiron a apoiar nos lumes da provincia. “Fixérono voluntariamente, incluso gastando do seu peto en combustible, e sempre garantindo que o parque de bombeiros de Ourense quedaba cuberto. Non aceptamos que o alcalde manipule a súa entrega nin que intente colgarse medallas a costa do traballo e o sacrificio dos bombeiros, cando é incapaz de pagarlles o que lles debe en nóminas, horas extra e sentenzas xudiciais pendentes” conclúe contundente a voceira socialista.