concellos Executiva Provincial de Ourense INCENDIOS

Consideramos insuficientes as axudas anunciadas por Rueda polos incendios e pedímoslle un diálogo real cos concellos

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CONSIDERA “INSUFICIENTES” AS AXUDAS ANUNCIADAS POR RUEDA E PÍDELLE AO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA UN DIÁLOGO “REAL” COS CONCELLOS AFECTADOS POLA VAGA DE INCENDIOS

As e os socialistas amosan o seu “profundo” malestar trala reunión convocada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, cos alcaldes e alcaldesas afectados polos incendios forestais

Sinalan que o encontro “quedou reducido a unha mera exposición unilateral das medidas do goberno galego, sen dar espazo a un diálogo político real” e consideran que non se pode despolitizar unha traxedia que require decisións políticas”

“Cando o presidente da Xunta lle di aos alcaldes e ás alcaldesas que non se pode falar de política, está negando a esencia do que se lle demanda, que non é outra cousa que solucións políticas a un problema que é político e estrutural”, apunta o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila

Ourense, 3 de setembro de 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “profundo” malestar trala reunión convocada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, cos alcaldes e alcaldesas afectados polos incendios forestais. As e os socialistas sinalan que o encontro “quedou reducido a unha mera exposición unilateral das medidas do goberno galego, sen dar espazo a un diálogo político real”. Consideran que “non se pode despolitizar unha traxedia que require decisións políticas”.

Dende o PSdeG-PSOE ourensán critican as verbas do presidente da Xunta que sinalou durante o encontro que “non esta non é unha reunión para falar de política” e destacan que o líder do PP galego “só se limitou a anunciar que comparecería no Parlamento máis adiante”. As e os socialistas consideran que esta afirmación “é inaceptable”, xa que tal e como apuntan “a xestión dos incendios e a recuperación do territorio son cuestións eminentemente políticas e que precisan de planificación, recursos e coordinación interinstitucional”.

“Cando o presidente da Xunta lle di aos alcaldes e ás alcaldesas que non se pode falar de política, está negando a esencia do que se lle demanda, que non é outra cousa que solucións políticas a un problema que é político e estrutural”, apunta o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila. O líder das e dos socialistas ourensáns fai fincapé en que esta reunión “foi un intento máis de agochar a súa incompetencia na prevención, como posteriormente na extinción e agora na recuperación trala vaga de incendios do mes de agosto”.

As e os socialistas ourensáns lembran que os incendios “non se apagan só con medios, senón con políticas públicas” e apuntan a que a Xunta, ao eludir o debate político, “está renunciando a afrontar as causas estruturais dos lumes”. Neste senso tamén subliñan que estes problemas non son outros que “o abandono do rural, a falta dun plan de prevención serio e a ausencia dunha estratexia para recuperar as zonas queimadas”.

Críticas as axudas anunciadas por ser insuficientes e sen concreción

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense afirman que na reunión, o presidente da Xunta de Galicia anunciou unha serie de axudas que consideran “insuficientes e sen concreción”, xa que tal e como apuntan “non se concretan claramente nin os prazos nin os procedementos a seguir”. Entre as mesmas destacan as axudas para particulares que sufriron danos en vivendas, a compensación parcial para explotacións agrícolas e gandeiras ou os fondos para a restauración ambiental e forestal”.

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense sinalan que as axudas “son necesarias”, pero apuntan a que “son insuficientes e veñen sen un plan integral detrás”. Asemade tamén fan fincapé en que “non se pode reconstruír o territorio con parches, fai falta un proxecto estratéxico que garanta o futuro para as zonas afectadas”.

As e os socialistas critican que as axudas aos concellos están destinadas a dúas actuacións e con importes de entre 20.000 e 40.000 euros para danos municipais. “Consideramos que estas cifras afástanse da realidade e non permitirán cubrir os danos ocasionados polos incendios en áreas recreativas, camiños, rutas ou edificacións públicas afectadas polo lume”. Ademais tamén apuntan a que estas axudas “son de concorrencia competitiva, e aínda que Rueda di que ninguén vai quedar sen elas, este procedemento fará que non todos os concellos poidan recibilas, polo que estamos ante unha contradición máis do presidente da Xunta e líder do PP de Galicia”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense esíxese que a Xunta de Galicia abra un proceso “real” de diálogo cos concellos, con mesas de traballo e decisións consensuadas, porque a política “está para solucionar problemas, non para agochalos detrás dunha comparecencia parlamentaria futura”.